Herbón reparte máis de 3.000 racións nunha multitudinaria Festa do Pemento

Centos de veciños e visitantes sumáronse á exaltación deste produto na carballeira do convento

Xulio Mato, chef e condutor do programa de cociña A Voltas co Prato, exerceu de pregoeiro 

Herbón reparte 3.000 racións nunha multitudinaria Festa do Pemento

Herbón reparte 3.000 racións nunha multitudinaria Festa do Pemento / c. de Padrón

Redacción

Herbón celebra un ano máis a festa de exaltación do pemento cunha multitudinaria degustación na que se repartiron 1.500 quilos e máis de 3.000 racións deste produto con fama internacional. Como cada primeiro sábado do mes de agosto, tradición e festa conxugáronse na edición número 43 desta festa declarada de Interese Turístico de Galicia. A carballeira do convento de Herbón acolleu dende primeira hora da mañá o pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Mersenarios e da charanga OT antes de oficiarse a misa campestre. 

Un dos momentos máis vistosos da celebración, a procesión agrícola motorizada, volveu encher as rúas de Padrón de tractores engalanados con motivos vencellados á parroquia de Herbón e ao seu produto estrela. Participaron no desfile un total de 26 vehículos agrícolas que fixeron gala de moito humor e ganas de festa. 

A comitiva achegouse como de costume á Casa do Concello. Alí recibiunos o alcalde, Anxo Arca, na compaña das concelleiras Chus Campos, Ana Belén Castro, Laura Horta e Mariló Saco. O rexedor recibiu a tradicional cesta de pementos por parte de representantes da comisión organizadora da festa e, antes de deixar Padrón, os tractores fixeron tamén un alto ante a estatua de pementeira para cumprir coa ofrenda de flores. 

Un dos vehículos premiados na procesión agrícola de tractores

Un dos vehículos premiados na procesión agrícola de tractores / c de Padrón

De volta xa en Herbón, Xulio Mato, chef e condutor do programa de cociña A Voltas co Prato, exerceu de pregoeiro nunha intervención na que eloxiou as excelencias dos pementos e a súa importancia como parte do patrimonio gastronómico de Galicia. "Estades facendo patria", díxolles Xulio Mato aos produtores de pemento e ás persoas asistentes a festa. Recordou, ademais, que "nos trinta anos que levo de cociñeiro nunca faltaron os pementos de Herbón na miña carta, mesmo cando traballei fóra de Galicia".

Tras o pregón, levouse a cabo a entrega de premios aos participantes na procesión agrícola, no que foi o último acto da mañá antes de comezar coa multitudinaria degustación da que desfrutaron centos de persoas. Entregaron os galardóns o alcalde, Anxo Arca; o pregoeiro, Xulio Mato; e o empresario Andrés Quintá.

Xulio Mato (esq.) co alcalde de Padrón, Anxo Arca, e Andres Quinta na Festa do Pemento de Herbón

O chef Xulio Mato (esq.), pregoeiro, co alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o empresario Andrés Quintá na carballeira de Herbón / c. de Padrón

Na carballeira de Herbón, os fogóns funcionaron a pleno rendemento. Fritíronse máis de mil quilos de pementos que foron repartidos en máis de 3.000 racións, que levaban tamén cachelos e broa. Para degustalas, as persoas asistentes mercaron previamente un prato de barro conmemorativo da festa a un prezo de 3 euros.

As gaitas dos Mersenarios animaron a romaría durante a tarde e a foliada na carballeira, a cargo do grupo Tanto nos Ten, continuará a troula ata ben entrada a noite.