Síguenos en redes sociales:

O Punto Limpo de Ames recolleu en xullo tres toneladas e media de lixo electrónico

Os veciños depositaron tamén 600 unidades de pilas, 84 aerosois e 72 pneumáticos

A instalación está aberta de luns a sábado, e unha plataforma móbil percorre as parroquias

O Punto Limpo de Ames recolleu en xullo tres toneladas e media de lixo electrónicoc. a.

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames rexistrou 747 entradas en xullo. Destaca a achega de 3.622 quilogramos de equipos eléctricos e electrónicos, 72 pneumáticos fóra de uso, 84 aerosois e 600 unidades de pilas. O Punto Limpo, inaugurado en xaneiro de 2007, está situado na rúa das Hedras, no parque empresarial do Milladoiro. “O número de veciñas e veciños que fan uso da instalación para depositar alí os seus residuos séguese incrementando”, segundo destacan dende a administración local.

Entre os residuos depositados en xullo figuran tamén 100 quilogramos (2 metros cúbicos) de envases baleiros contaminados, 65 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 45 quilogramos de baterías de chumbo (3 unidades), 4 metros cúbicos de roupa e 100 metros cúbicos de voluminosos. Ademais, rexistrouse a entrada de 20 metros cúbicos de escombro, outros 30 metros cúbicos de plásticos, 30 metros cúbicos de metais, 184 quilogramos de pintura, 100 metros cúbicos de madeira e 9 metros cúbicos de papel. Cómpre destacar tamén o incremento nos aceites: 147 litros de aceite vexetal e 92 litros de aceite de motor.

Recentemente, ampliouse o horario das instalacións, e ofrecen atención de luns a sábado en horario de mañá e de tarde. Así, abren de 09.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688.

Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 191 240 ou 639 107 638, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositalos xunto ao contedor máis próximo, para que posteriormente se realice a súa recollida.

Por outra banda, no pasado mes de abril comezou a funcionar o Punto Limpo Móbil. Trátase dun vehículo adaptado que percorre os diferentes lugares e parroquias de Ames, cuns horarios e puntos prefixados, normalmente ao carón das casas da cultura ou locais sociais de cada parroquia co obxectivo de que a veciñanza poida depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na vía pública.

O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Neste vehículo hai un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.

Os residuos que se poden depositar no Punto Limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD, DVD, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e teléfonos móbiles.

Pulsa para ver más contenido para ti