A Barca de Muxía, Guadalupe de Rianxo e Milagres de Caión uniron fe e verbena

Os fieis tomaron en masa a Costa da Morte e cumpriron co rito da Pedra dos Cadrís

Procesión marítima pola ría de Arousa

Devotos a pé acudiron ao santuario larachés

Domingo de celebracións na área de influencia compostelá con tres grandes epicentros que acolleron cadanseu día grande. Por unha banda, a multitudinaria Virxe da Barca de Muxía, onde a fe cristiana dase a man con tradicións milenarias como a de pasar baixo pedras para curar enfermidades das costas. Pero tamén os Milagres de Caión (Laracha), uha romería coma as de antes onde a xente segue a acudir camiñando ducias de quilómetros e, por suposto, a Guadalupe de Rianxo, cunha gloriosa (e multitudinaria) xornada que incluiu a procesión dende a igrexa e polo mar.

Comezando pola Costa da Morte, milleiros os fieis, chegados de moi diversos puntos de Galicia e máis aló, acudiron, un ano máis, a presentar as súas ofrendas á Virxe da Barca de Muxía, unha romaría que está distinguida como Festa de Interese Turístico Nacional. A maior afluencia, aínda que menor que en anos anteriores, coincidiu coa celebración da misa solemne nos exteriores do santuario mariano. Aínda que as previsións anunciaban posibles chubascos, ao final os romeiros máis precavidos empregaron os paraugas para protexerse do sol.

Moitos dos que se achegaron ao santuario cumpriron tamén co rito de pasar nove veces por debaixo da milagreira Pedra dos Cadrís, á que a tradición lle atribúe propiedades curativas para os males de espalda. Pola súa banda, a mítica Pedra de Abalar vai perdendo protagonismo desde que, hai xa varios anos, deixara de balancear por mor dunha rotura na súa estrutura.

Traslado da Guadalupe por mariñeiros con remos / FGR

Traslado da Guadalupe por mariñeiros con remos / FGR

Ao remate da misa solemne, unha marea de fe acompañou á Virxe da Barca en procesión ata o porto da vila, onde foi recibida co lanzamento da maior traca de bombas de Galicia, moi aplaudida polos asistentes. Como marca a tradición, o párroco muxián, Manuel Liñeiro Lema, ergueu a imaxe da Virxe para impartir a bendición aos catro ventos, xusto antes de regresar á igrexa parroquial onde pernoctou ata este luns, xornada na que regresará ao seu santuario a partir do mediodía.

Na ría de Arousa

Outra das localidades que leva días de festa (e os que lle quedan, ata o vindeiro venres 15) é o Concello de Rianxo, onde honran á Virxe de Guadalupe, unha imaxe que desde 1854 garda no seu interior a capela local, de estilo gótico mariñeiro e fundada no 1671 sobre outra anterior de 1561. A venerada moreniña fíxoa en cartón pedra o relixioso local frei Xosé de Santiago, e chegou á vila mariñeira dende o mosteiro de Guadalupe de Cáceres no ano 1773.

A do domingo foi unha xornada na que a afluencia foi enorme e tivo un dos momentos máis esperados polos fieis e festeiros: a misa e saída en procesión da Virxe acompañada por mariñeiros con remos en alto. Logo seguiría o seu periplo pola ría escoltada polas embarcacións da comarca que se quixeron sumar. Nesta xornada actuou a Banda Ateneo de Negreira e a Banda de Gaitas Buxaina de Taragoña, ademais da Coral Abraira na eucaristía. Pola tarde houbo un baile-romería no Paseo da Ribeira a cargo do grupo Soprano, e pola noite encargouse da verbena o grupo Atenas e a orquestra Saudade, sen esquencer a gran tirada de fogos (aéreos e acuáticos) a medianoite.

Para este luns 11 está prevista a actuación da Banda de Música de Arca pola mañá, seguida de xogos das peñas na praza Castelao con Juadalupeñas. Ás 14.00 horas comezará a sesión vermú amenizada pola orquestra La Dimensión que dará paso ao xantar popular das Juadalupeñas. E pola tarde haberá Festivaliño, cantos populares e logo verbena con La Dimensión e Finisterre.

Concello da Laracha

En Caión (no Concello da Laracha), milleiros de devotos congregáronse para acompañar á Virxe dos Milagres na tradicional procesión que a levou dende o seu santuario ata a igrexa parroquial da localidad. Foi o acto de peche dunha semana de celebracións, ao longo da cal miles de fieis peregrinaron á capela, moitos deles a pé.