A Xunta habilita axudas para construír e ampliar escolas infantís que son de titularidade municipal

A alcaldesa de Lousame, á dereita, e a concelleira, no PAI local

A alcaldesa de Lousame, á dereita, e a concelleira, no PAI local / c. l.

A Consellería de Política Social e Xuventude publicará este mércores unha nova orde de axudas para a construción e ampliación de escolas infantís que dependen dos concellos. O orzamento é de 34 millóns de euros, segundo confirmou a conselleira, Fabiola García, durante unha visita ao Punto de Atención á Infancia (PAI) de Lousame, na que estivo acompañada da alcaldesa, María Teresa Villaverde. Os consistorios terán un mes de prazo, ata o vindeiro 13 de outubro, para presentar as súas solicitudes de fondos.

Pola súa banda, a rexedora trasladoulle á conselleira que “as necesidades en servizos sociais son moi grandes: aumenta a poboación maior; os nenos non tanto. Este centro ten vinte prazas e é o primeiro ano no que só se cobren 15, cando antes había xente que quedaba fóra. Pero pensamos que ten unha razón: os horarios (8.00 a 16.30 horas). Trataremos nun futuro de amplialos”.

Sinalou, ademais, que traballarán para que a matrícula no PAI se siga mantendo e falarán coas familias para coñecer ás súas necesidades.