Travesías inclusivas no veleiro ‘Laion’

Sesenta e cinco persoas con diversidade funcional desfrutan da navegación a vela pola ría de Camariñas grazas ao Proxecto Gavea, de Cogami

A embarcación foi incautada ao narcotráfico e cedida á asociación Abismur, de Muros

A experiencia púxose en marcha hai máis de dúas décadas

Un dos grupos de persoas que desfrutaron dunha travesía pola ría de Camariñas no ‘Laion’

Un dos grupos de persoas que desfrutaron dunha travesía pola ría de Camariñas no ‘Laion’ / cogami

Un ano máis, e xa van vinte e un, o veleiro Laion de Cogami está a surcar a ría de Camariñas para brindar a experiencia da navegación a vela a persoas con discapacidade. Unha oportunidade que lles brinda o Proxecto Gavea (Galicia Vela Adaptada), que naceu en 2002 tras ser incautado o veleiro ao narcotráfico para ser cedido en garda e custodia á Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (Adibismur), que forma parte de Cogami.

Dende entón, esta embarcación, fomenta a participación das persoas con discapacidade en actividades náutico deportivas ao estar dotada de adaptacións que permiten embarcar a persoas con mobilidade reducida. Para poder levar a cabo esta edición, o proxecto conta co apoio de Turismo de Galicia.

Con base no porto de Muxía, o Laion, sempre que o tempo o permita, ten programadas saídas ata mañá venres, con quendas que se distribuirán en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. En cada unha destas travesías participan, acompañadas dun monitor ou monitora, cinco persoas usuarias e socias de distintas entidades membro ou centros de Cogami. En total, durante esta edición navegarán 75 persoas que se achegarán ata Camariñas dende diferentes localidades de Galicia como Santiago, A Coruña, Muros, Silleda, Arzúa, Val do Dubra e Ourense.

O primeiro grupo en participar foi de persoas usuarias do Programa Integral de Actuacións para a Promoción da Autonomía Persoal e a Inclusión Social das Persoas con Discapacidade que Cogami desenvolve nas instalacións do Cegadi en Compostela. O pasado venres foi o turno de persoas usuarias da entidade Adisbismur da bisbarra de Muros, e o sábado embarcou un grupo do centro de recursos que Cogami ten en Medelo (Silleda), e persoas asociadas da entidade Alcer Coruña. O martes, día 12, foi a asociación Amarai de Arzúa e Terra de Melide quen saíu a navegar pola mañá, mentres que o día 13 durante a mañá gozaron a desta experiencia membros de Acem Compostela e á tarde un grupo do programa do Cegadi. O xoves 14 embarcarán usuarios de Avante, de Val do Dubra, e de Ourense Aixiña. O veleiro rematará as saídas deste ano coa asociación Íntegro (Cabana de Bergantiños) que navegará mañá día 15.

O Laion, de 13 metros de eslora, conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador electrónico que facilita o seu goberno.

A tripulación do Laion está formada por tres persoas voluntarias que ceden desinteresadamente o seu tempo para facer posible este programa.