O ex director xeral de minas da Xunta declara este xoves en Santiago por presuntas irregularidades en San Finx

Ángel Bernardo Tahoces, xunto con dous funcionarios ao seu cargo, terían asinado informes con falsidades en relación ás presas mineiras abandonadas e á contaminación existente

A Confraría de Noia está personada noutras dúas causas penais contra funcionarios e altos cargos de Augas de Galicia e contra a empresa mineira australiana

O ex director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, comparece este xoves nos xulgados de Santiago imputado imputado por varios delitos de falsidade documental relativos ás minas de San Finx

O ex director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, comparece este xoves nos xulgados de Santiago imputado imputado por varios delitos de falsidade documental relativos ás minas de San Finx / joel martínez

ECG

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago toma declaración este xoves ás 12:15 horas a Ángel Bernardo Tahoces, ex-director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, que presta declaración en calidade de imputado por varios delitos de falsidade documental relativos ás minas de San Finx, en Lousame. No mesmo auto chámase a declarar tamén aos outros imputados no caso, o xefe do servizo de enerxía e minas na Coruña e un dos funcionarios do mesmo departamento.

Os tres deben presentarse nos xulgados composteláns por unha causa penal na que están persoadas como acusación popular a Cofradía de Pescadores de Noia, Ecoloxistas en Acción e Verdegaia, logo de que se denunciaran numerosos informes asinados polos imputados que contiñan información falsa sobre diversos aspectos da mina de San Finx.

Estes informes pretendían beneficiar a empresa concesionaria tentando facer pasar a presa de residuos mineiros de San Finx como parte das instalacións dunha central hidroeléctrica inexistente e, un ano máis tarde, relacionándoa cun muíño de millo. Isto a pesar de que a presa de formigón, de 50 metros de largo e 14 de alto, construída pola empresa mineira en 1939 como depósito de lodos, apareceu nos plans oficiais de labores ata que se deixaron de presentar no ano 2000.

Augas de Galicia recoñece que en caso de colapso os residuos mineiros almacenados causarían un importante impacto ambiental augas abaixo, estando a tan só 7km da ría de Noia. Evitando recoñecer que se trataba dunha presa de residuos mineiros, os imputados terían tentado evitar as responsabilidades da empresa concesionaria, que tería que facer fronte a unha restauración valorada en varios millóns de euros, e danos multimillonarios en caso de colapso e afectación ás zonas de marisqueo na ría.

Os mesmos funcionarios e alto cargo tentaron ocultar a existencia da contaminación con metais pesados, apoiando o argumento falso da empresa, e insistiron unha e outra vez en que non era necesario someter o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental, algo que a propia Xunta acabou recoñecendo que era imprescindible para a continuidade da explotación.

Este non é a única causa penal que afecta as minas de San Finx, unha vez que en paralelo a Cofradía de Noia está igualmente personada como acusación popular noutra causa dos xulgados de Santiago contra catro funcionarios e altos cargos de Augas de Galicia por malversación, prevaricación e falsidade, así como nun proceso por delitos medioambientais que se instrúe nos xulgados de Noia contra a empresa mineira e os seus directivos australianos.