Ames, Teo, Rois, Santiago e Carballo van darlle pulos ao uso do galego na rede con Youtubeiras

Está aberto o prazo para concorrer aos oito galardóns de entre 500 e 1.000 euros

Blas García califica de “fantástica noticia” que xa se poida empregar no Parlamento español”

Técnicos e autoridades, entre elas o alcalde de Ames 7º esqda., na presentación de Youtubeiros

Técnicos e autoridades, entre elas o alcalde de Ames 7º esqda., na presentación de Youtubeiros / concello

Youtubeiras, o proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña, volve para premiar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como para promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede. E nesta edición, sumaranse os municipios de Ames, Teo, Rois, Carballo, Santiago, Moaña, Pontevedra, Ribadeo e O Grove baixo o lema Rede aberta, rede diversa.

Á presentación, que contou coa presenza en Pontevedra do seu concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez Xunqueira, tamén acudiu Blas García, alcalde de Ames; Victoria Quiroga, edil de Lingua do Concello de Rois; e Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. Neste senso, Gómez Xunqueira sinalou que “este é, polos seus méritos e pola súa traxectoria, un certame de referencia para a comunidade creadora de contidos dixitais na nosa lingua”, precisaba.

A súa vez, o mandatario amesán referiuse a que “debemos tomar conciencia de que é imprescindible que todos e todas nos impliquemos na defensa da lingua galega, en especial a Administración autonómica. É unha fantástica noticia que se poida empregar o galego no Congreso”, sinalou Blas García, quen tamén destacou a consolidación dos galardóns como referente, explicando que o proxecto “serviu para dar acubillo a esta comunidade creadora na nosa lingua, fomentar a súa actividade e tamén a súa medra e expansión".

Pola súa banda, Victoria Quiroga aproveitou a súa intervención para lembrar as seccións. “Este ano repítense as mesmas categorías e contías que en 2022. Cremos que é a estrutura máis acaída para continuar a acompañar este ano a comunidade creadora de contidos na lingua en YouTube, traballo que a organización vén desenvolvendo con notable éxito dende a posta en marcha do proxecto Youtubeiras en 2017”, sinalou a concelleira de Rois, quen quixo valorizar o “importante” que resulta sempre a colaboración institucional en proxectos de “fomento da lingua”.

As categorías serán a de Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con 1.000 euros, agás o último ao que se destinan 500 euros. Os vídeos que se presenten deberán estar subidos con data posterior ao 15 de novembro do 2022. O prazo para presentarse iniciouse este xoves, e manterase aberto ata o vindeiro 17 de novembro ás 23.59 horas. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web www.youtubeiras.gal.