Síguenos en redes sociales:

Cultura

‘Trolebús’ literario nas rúas de Carballo

O Concello deseñou un roteiro con dúas liñas para dar a coñecer os escritores locais e as súas creacións

O obxectivo é que sexa tamén un recurso educativo, ao tempo que se fomenta unha mobilidade sostible e saudable

Os paneis sinalizadores das paradas inclúen un fragmento das obras

‘Trolebús’ literario nas rúas de Carballo

As rúas de Carballo xa se poden recorrer nun trolebús literario, un vehículo imaxinario que transporta a lugares vinculados a escritores e escritoras locais e ás súas obras.

O pasado venres o Concello despregou o Mapa Literario de Carballo, un novo recurso cultural co que se pretende dar a coñecer aos autores e autoras locais, a literatura inspirada no municipio e os recunchos dos que parte esa inspiración, ao tempo que promoven unha nova ruta turística e seguen apostando pola mobilidade sostible.

O mapa inclúe dúas liñas. A primeira delas percorrerona o venres un grupo de veciños e veciñas, e cada roteiro contará con guías moi especiais, xa que serán varios dos autores que forman parte do percorrido. Quenes decidan subirse a este trolebús literario, en cada unha das once paradas da Liña 1 atoparán un panel co esquema da ruta, o fragmento ao que fai alusión esa parada, o nome do autor ou autora e un código QR que enlaza coa páxina web do Mapa Literario de Carballo. Nos vindeiros días procederase tamén á sinalización da Liña 2.

O Mapa Literario de Carballo, ademais dun recurso turístico, cultural e mesmo deportivo, tamén é un importante recurso educativo. De feito, desde a Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, que preside Ángeles Pacoret, promotora da iniciativa, xa se remitiu un convite a todos os centros educativos, aos que se lles ofrece a posibilidade de solicitar visitas guiadas para os escolares.

A Liña 1 ten como protagonistas das súas paradas a Eduardo Pondal e o seu poema Queixumes dos pinos; Xaime Díaz Alonso, autor de Carballo. Guía ilustrada de arquitectura; Cándido Alfonso González Tirados, e Mal ollo!, comedia de ambiente mariñeiro; Ramón Vilar Landeira, con Cigarros no asfalto; Rosalía Fernández Rial, con A Cabaña; Xan M. Fraga Rodríguez, con Trolebús; Alberto Ferreiro con Plus Ultura. Transición ao futuro; Xurxo Borrazás, con Costa norte/ZFK; Manuel Rivas, con As voces baixas; Ignacio Silva, con Chovía como nunca; e Xosé A. Andrade Figueiras, con Reválida de sexto.

Pola súa banda a Liña 2 estará protagonizada por Xan M. Fraga con Crónicas de Carballo; Xurxo Chapela, con Lémbrome; O Xestal, con A rateira; Alfredo Brañas, con Lembranza; Henrique Mariño, con Atar os cordóns; Xan Fernández Carrera coa Guía de Carballo; Farruco Graña, con O bosque de Nadgor; Xesús San Luís Romero, con O Fidalgo; Fernando Cabeza Quiles, con Unha de polbo, por favor; Ignacio Silva, con Galicia; e Mercedes Queixas Zas, con Lingua de area.

Esta iniciativa vén a complementar o labor que veñen facendo ao prol da cultura e da promoción dos escritores carballeses as bibliotecas municipais de Carballo.

Pulsa para ver más contenido para ti