Muxía e Cabana ambientan con teatro, música e roteiros o outono

A vila da Barca homenaxea a Castelao

Programouse un itinerario portando candís dende o dolmen de Dombate ó Castro de Borneiro

Iago Toba, centro, e Olalla Benlloch, na presentación

Iago Toba, centro, e Olalla Benlloch, na presentación / c. de muxía

O alcalde de Muxía, Iago Toba, e a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, presentaron a programación do Muxía Cultura Outonal. A Sala do Voluntariado será o recinto que acollerá este compendio de actividades que darán comezo o día 14 e rematarán o 25 de novembro. Ademais, a rapazada poderá gozar dos obradoiros Halloween na Biblioteca que terán lugar o sábado 28.

As funcións destinadas a público familiar serán ás 18.00 horas e de balde, e as destinadas a público adulto celebraranse ás 20.00. Todas elas celebraranse na citada sala.

As actividades para público familiar serán de balde e as destinadas aos adultos terán un custo dun euro. As entradas poderanse recoller durante a semana previa na biblioteca ou media hora antes da función.

Benlloch dixo que “esta programación ofrece a toda a veciñanza unha oportunidade de gozar dun compendio variado de propostas”.

O primeiro espectáculo terá lugar o día 14 ás 18.00 horas. Trátase de Periplo Atlántico, unha homenaxe a Castelao, a cargo de Polo correo do vento. O día 21, Malasombra representará ás oito da tarde a obra De algo hai que morrer. O día 28 será o turno dos obradoiros de Hallowen a partir das cinco da tarde.

Xa o día 29, Iseo A Moura presentará De cea cos defuntos, ás seis da tarde. O día 4 de novembro, a compañía Trécola presentará a peza Teatro de guiñol ás 18.00 horas.

O día 11 será O magosto das abaladeiras, mentres que o día 18 a compañía Talía Teatro porá en escena a obra Unha inimiga no pobo ás 20.00 horas. O día 25, Amorodio presentará o espectáculo A nai (20.00 horas).

Tamén o Concello de Cabana deu a coñecer a súa programación de outono, que comezará o vindeiro domingo 22 co ciclo Domingos de baile, que animará as xornadas dominicais no centro de maiores de Neaño grazas ás actuacións de Judith Cundíns, Rocío Pérez, Alber Tito e Lupe, sempre a partir das 19.00 horas.

Ese mesmo día, Xarope Tulú desembarcará ás 18.00 horas no auditorio para levarlle ao público cabanés A Lingoreteira, unha peza teatral que pon de manifesto a narración oral. O xoves 26 farase unha viaxe á Ribeira Sacra, con paseo en barco, visita a unha adega e degustación de produtos da zona.

O sábado 28 volverá un ano máis o roteiro As cores de Samaín, no que os asistentes percorrerán disfrazados portando luces ou candís un itinerario desde o dolmen de Dombate ata o Castro de Borneiro (dende as 18.00) co acompañamento musical de O Son do Castro e as representacións teatrais de Os Quinquilláns.

A obra de teatro As palabras perdidas, de Inventi Teatro, pechará o mes de outubro o día 28 a partir das 18.00 horas no auditorio.