O Son dotou das redes de auga, saneamento e pluviais e de nova pavimentación ao núcleo de Cans

O Concello rematou tamén a automatización da estación de bombeo de residuais para poñer fin ás verteduras incontroladas

Traballos nas redes de servizos do núcleo sonense de Cans

Traballos nas redes de servizos do núcleo sonense de Cans / C. O SON

O Concello de Porto do Son vén de rematar a obra de dotación da rede de saneamento ó núcleo de Cans, que incluíu a instalación da tubaxe para o abastecemento de auga potable e recollida de pluviais, así como a mellora do pavimento existente, substituíndo o anterior acabado por un de formigón rematado con bordo de adoquín.

Unha actuación que foi financiada pola Deputación da Coruña e contou cun orzamento de 116.765 euros.

Asimesmo, o Concello sonense rematou os traballos de automatización da estación de bombeo de augas residuais, para o cal conctou cunha subvención procendente do Fondo de Compensación Ambiental por valor de 110.625,46 euros.

“Esta obra era moi necesaria para mellorar varias instalacións do sistema de saneamento de augas residuais do concello, nas estacións de bombeo de Porto do Son, Quintán e o Pozo, e para evitar verteduras incontroladas ocasionadas polo mal funcionamento das bombas. Establécese así unha rede de comunicación entre os dispositivos e equipos, que terá un acceso seguro e baseado en tecnoloxías sen cables. Tamén se automatizaron todos os procesos das instalacións”, explicou o alcalde, Luis Oujo.

Asimesmo, rematouse unha pequena actuación de saneamento no lugar de Puilla (que da servizo a unha decena de vivendas) cun investimento de 28.935 euros.

A administración local rematou igualmente as obras para dotar de saneamento á parroquia de Nebra cos ramais de Aguieira, O Pazo, Orseño, Tores e Xosín, por importe de 423.500 euros. Estes traballos foron financiados na súa totalidade con fondos dar arcas municipais.

Por outra banda, segundo informan dende o Concello, deron comezo as obras de pavimentación no núcleo de Fieiro por un importe de 41.207,85 euros; as de mellora de camiños rurais en Caamaño, por 57.649,36 euros, coa dotación dunha nova capa de rodadura en aglomerado en quente sobre a actual base de rego asfáltico, limpeza das marxes e o entubado dun tramo da cuneta de pluviais no interior da aldea para anchear a pista; e as de humanización do calexón Outonil, financiadas pola Deputación Provincial da Coruña con 58.987,50 euros.

RÚA DA FONTE

O mandatario sonense explicou que este último proxecto require resolver as seguintes carencias: separar as instalacións de saneamento de augas pluviais e fecais; substituír as conexións á rede de auga municipal debido á súa antigüidade; mellorar o aspecto xeral do mencionado calexón e do ámbito afectado na rúa da Fonte; mellorar a accesibilidade no que permita a topografía existente; e dotar de auga potable á fonte existente e mellorar o seu aspecto.

CAMPO DE FÚTBOL

Asimesmo, o rexedor sinalou que nos vindeiros días poranse en marcha outras tres importantes actuacións: a mellora do campo de fútbol do Preguntoiro (no núcleo de Porto do Son) para dotalo de céspede artifical, por un importe de 200.000 euros; a construción de beirarrúas dende Coira ata Freixedo, cun investimento de 176,249 euros (daráselle continuidade de Eiravedra ata O Pozo, cun orzamento de 109.263 euros, e rematarase co treito de Alto de Olveira ata Eiravedra, por 70.180 euros); e a dotación da rede de saneamento ao núcleo de Nebra, coa construción do ramal de O Couto, Agrelo, O Curro e Jansín, por un importe total de 248.880,96 euros.