Trece millóns de euros redimensionarán as vías Teo-A Estrada, Brión-Noia e Baio-Berdoias

Prevén obras na autovía da Ramallosa a Pontevea estes días

Pulo ao saneamento en Cee e Corcubión, con 3,6 millóns, e aos polígonos de Carballo e Coristanco, con 3,3

Máis de 5 serán para o tanque de tormentas de Lalín

Croquis co itinerario da nova fase da autovía AG-59, entre A Florida e as inmediacións de Pontevea

Croquis co itinerario da nova fase da autovía AG-59, entre A Florida e as inmediacións de Pontevea / Xunta

A mellora do abastecemento de auga na marxe dereita da ría de Arousa, o redimensionamento dos viais Teo-A Estrada, Brión-Noia e Baio-Berdoias ou o tanque de tormentas de Lalín son algúns dos principais investimentos orzamentados pola Xunta de Galicia para o vindeiro ano na comarca compostelá.

O Barbanza recibirá case 18 millóns de investimento directo, aos que haberá que sumar as partidas xenéricas en Sanidade, Deporte, Dependencia e os beneficios fiscais que desfrutarán todos os galegos.

Unha partida de 3,1 millóns de euros permitirá a mellora do sistema de abastecemento, saneamento e depuración de auga en Noia, e complementará a de 6,91 millóns para a mellora do sistema de abastecemento da marxe dereita da ría de Arousa.

Nesta última partida, Porto do Son levará 0,6 millóns de euros para o saneamento na parroquia de Queiruga, e Lousame 0,5 millóns para a depuradora que dará servizo a Devesa, Silva, Berrimes e Quintáns.

En materia de Política Social, a Xunta orzamentou 2,5 millóns de euros para construír a Residencia de Maiores de Ribeira, así como 239.000 € para mellorar a residencia da Pobra e 200.000 € para o centro sociocultural de Muros.

En Sanidade destacan os 300.000 euros que permitirán seguir ampliando a área de hospitalización do hospital comarcal de Ribeira.

Dentro das partidas de 7,18 millóns de euros do Plan de Atención Primaria e de 14 millóns do Plan de Atención Primaria FEDER 21-27 para centros de saúde, a Xunta reserva 400.000 € para o proxecto do novo centro de saúde de Noia, unha vez que o Concello cedeu a parcela. Este Concello recibirá tamén, en materia de infraestruturas, un millón de euros para converter a vía de alta capacidade Brión-Noia en autovía. Asimesmo, orzamentáronse 500.000 € para a variante de Ribeira.

Por outra banda, Porto do Son recibirá 515.000 € para a construción da nova nave de redes e para os departamentos de usuarios, mentres que Boiro recibirá 38.500 € para melloras no Plan de Transferencias, e Mazaricos (25.000 euros) e Ribeira (36.000 €) para axudas do PXOM.

Os orzamentos reservan 300.000 € para ampliar a área de hospitalización do complexo do Barbanza /s.souto

Os orzamentos reservan 300.000 € para ampliar a área de hospitalización do complexo do Barbanza /s.souto / Xunta

Na comarca de Bergantiños, unha partida de 3,3 millóns de euros permitirá impulsar os parques empresariais de Carballo (1,8) e Coristanco (1,5). En materia de abastecemento figuran incluídos 5,4 millóns no Plan específico de xestión de inundacións ARPSI Anllóns. Resérvanse tamén 540.000 € para as zonas de Nantón e Anos (Cabana); 900.000 € para mellorar a rede de saneamento da Laracha; e 260.000 € para o aumento da resiliencia en sistemas de abastecemento cofinanciadas polo FEDER en Coristanco.

No eido da política social, Carballo disporá de 400.000 € para as obras da Residencia de Maiores. Malpica recibirá 300.000 € para a reparación dos departamentos do exportadores no porto, e 250.000 € para a mellora da operatividade da dársena.

En Costa da Morte destacan o saneamento de Cee e Corcubión, cun investimento de 3,66 millóns de euros; a partida para a reforma da área de Urxencias de Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, que foi licitada en xuño por 1.168.590 €; e os 2 millóns que se inclúen para a vía de alta capacidade de Baio a Berdoias.

En materia de Portos, a Xunta investirá 1.430.000 € para financiar diferentes actuacións en Malpica, Fisterra, Muxía e Camelle, aos que haberá que sumar os cartos que permitirán a mellora da planta de Sogama en Cee (50.000 €) e os máis de 130.000 € comprometidos para a redacción dos plans urbanísticos de Cee, Corcubión, Dumbría e Carnota.

Xa no entorno santiagués, váiselle dar continuidade á autovía Santiago-A Estrada, executando por 10,2 millóns de euros a prolongación da AG-59 entre a capital teense e Pontevea.

Así, a mediados de agosto deste ano adxudicábanse por preto de 27,2 millóns de euros as obras de prolongación do tramo de autovía AG-59, entre A Ramallosa e o vial AC-241. A intervención, cun prazo de execución de vinte meses, foi adxudicada á UTE Vías e Construcións S.A.-Movemento de Áridos e Construcións de Arousa S.L. Marconsa, producíndose a firma do contrato o pasado mes de setembro, e con previsión de poñer en marcha as obras nos vindeiros días (dende a Xunta aseguran que chegarían neste mes).

O obxectivo é facilitar a comunicación e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes, reducindo a 10 minutos os tempos de viaxe entre A Estrada e a capital de Galicia. E para iso vanse habilitar 3,5 novos quilómetros, que darán continuidade ao tramo da autovía libre de peaxe que xa se atopa en servizo. Os traballos irán concretamente desde A Florida ata a ligazón coa AC-241, de xeito paralelo á estrada AC-841.

Pero tamén se busca avanzar nunha vella reivindicación que agarda desde hai máis dunha década a súa implementación: a conversión en autovía da vía de altas prestacións Brión-Noia, para a que se reserva un investimento en 2024 dun millón de euros, así como compromisos plurianuais futuros por vinte millóns.

Con partidas máis modestas tamén constan 750.000 € para o acondicionamento da estrada AC-406, no tramo Portomouro-Santa Comba, outra das reivindicacións para mellorar as comunicacións coa comarca de Xallas e cara a Bergantiños.

Para Ames figuran 600.000 € destinados a iniciar a construción do colexio do Milladoiro (con proxeción ata 2026), ademais dun millón e medio de euros para ampliar o Instituto Losada Diéguez, xa na Estrada.

Obras hidráulicas

No que atinxe á comarca do Deza, Lalín vaise beneficiar, segundo o rexedor, José Crespo, de máis de 21,5 millóns de euros.

O rexedor destaca “o elevado esforzo inversor da Xunta para con Lalín en materia de infraestruturas hidráulicas”, con 14,2 millóns de investimentos (case 5,4 millóns para 2024 e 8,8 millóns nas vindeiras anualidades), que permitirán concluír o tanque de tormentas.

Tamén se inclúen 2,1 millóns da anualidade de 2024 para o edificio de servizos integrados de Medio Rural; e 3 millóns máis destinados ao Polígono Lalín 2000 que se executarán o ano que vén na ampliación da cuarta fase, sen esquecer os 1,7 millóns de euros destinados á Base Integral de Unidades Operativas e de Medios Aéreos (BUO) no polígono ou a posta en valor da Casa de don Álvaro, por 500.000 €.