Inaugurada a nova área ambiental na zona sur do Milladoiro con dúas sendas peonís, unha delas circular

Un dos itinerarios discorre cara os depósitos municipais de auga

As rutas suman 1.100 metros, dende o centro urbano ata o bosque

O alcalde, Blas García, dereita, outros membros da Corporación e técnicos percorrendo unha das rutas / c.a.

O alcalde, Blas García, dereita, outros membros da Corporación e técnicos percorrendo unha das rutas / c.a. / suso souto

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se integran neste plan é a creación dunha nova área ambiental na zona sur do Milladoiro, adxudicada á empresa MGM Edificaciones e Infraestructuras S.L. por 144.690,36 euros. Executouse na zona boscosa que está próxima á rúa do Rego e da Costa Grande. Deste xeito, creáronse novos percorridos ambientais que forman unha nova ruta circular por onde se pode andar e correr.

O alcalde, Blas García; a concelleira encargada do proxecto, Susana Señorís; a técnica da EDUSI Impulsa Ames, Clara García; e o arquitecto de Sepia Técnicos S.L., Samuel Folgueral, participaron onte nun acto que serviu para inaugurar os novos percorridos ambientais.

Tamén participaron no acto concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do PP e do BNG, así como Roberto Miguel Folgueral, enxeñeiro da empresa Sepia Técnicos.

Os percorridos ambientais teñen un trazado de ao redor de 1.100 metros que discorren dende o núcleo urbano e residencial ata unha zona de bosque. O que se fixo foi naturalizar os pavimentos habituais que hai nos espazos urbanos, que están entre os espazos naturais e os urbanizados. Dese xeito recuperouse unha zona que non se estaba empregando.

Creáronse dúas rutas: unha circular (na que se executaron obras de drenaxe para consolidar o firme da senda proxectada e o correcto encanamento das augas de escorrentía existentes nesa zona) e outra que discorre cara os depósitos municipais de auga do Milladoiro (utilizando camiños granulares existentes e mellorados). Outras actuacións executadas foron a colocación de alumeado público sostible, tanto para a praza de acollida como nos novos percorridos ambientais. Tamén se colocaron carteis informativos das rutas.

Creáronse sendeiros co obxectivo de que sexan aproveitados tanto para facer deporte coma para andar e pasear e unha praza de acollida que é accesible universalmente.