A coruñesa Clara Vidal é a gañadora do décimo oitavo Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

O xurado definiu a súa obra como "un poemario de ausencia doce"

Presentáronse un total de 21 creacións poéticas nesta edición

Clara Vidal, segunda pola dereita, co alcalde e representantes de Caldeirón e do xurado

Clara Vidal, segunda pola dereita, co alcalde e representantes de Caldeirón e do xurado / Concello de Malpica

J. M. Ramos

A poeta coruñesa Clara Vidal é a gañadora do XVIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que convoca a Asociación Cultural Caldeirón en colaboración co Concello de Malpica. A súa obra Masaxe con argán mal pronunciada, foi elixida por unanimidade polo xurado conformado por Diana Rey (Diana Kurich), gañadora da anterior edición; Teresa Ríos, en representación do Concello; e Olga Rodríguez Díaz, da Editorial Caldeirón que, ademais, actuou como secretaria. Presentáronse 21 obras e o xurado valorou a gañadora “como un poemario de ausencia doce, onírico e altamente sensual, no que os versos frescos e curtos son dunha contundencia inequívoca”.

Emma Abella foi a encargada de entregarlle o premio a gañadora no transcurso da Cea das Letras, á que se sumou tamén o alcalde, Eduardo Parga, quen agasallou á poeta e aos membros do xurado cunhas pezas de olería de Buño. Clara Vidal asegurou que xa se presentara varias veces a este certame e animou o acto coa lectura dun fragmento do poemario premiado.