25-N

Voces e feitos para dicir non á violencia

O 60% dos casos activos de Viogen sitúanse no ámbito rural

A subdelegada do Goberno achegou os recursos para loitar contra esta lacra nunha xornada en Frades

Carballo pon o foco na visibilización das vítimas menores de idade

As reivindicacións en Cabana chegan en forma de poesía e música

A subdelegada do Goberno, María Rivas, segunda pola esquerda, na xornada celebrada en Frades

A subdelegada do Goberno, María Rivas, segunda pola esquerda, na xornada celebrada en Frades / S. GOBERNO

De norte a sur e de oeste a leste nestes días soan con máis forza as voces para dicir “non” á violencia de xénero. Unhas voces que se ven reforzadas con múltiples accións reivindicativas e de apoio ás vítimas.

Frades acolleu este mércores unha xornada formativa organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) á que se sumou a subdelegada do Goberno, María Rivas, quen asegurou que “o 60% dos activos de Viogen sitúanse no ámbito rural”. Por iso, achegou a todas as participantes os recursos dispoñibles para loitar contra esta lacra social, poñendo especial fincapé no traballo que se fai tanto dende a Garda Civil como das Policías Locais. Destacou a importancia de que os concellos rurais se sumen ao sistema Viogen, porque “permite unha actuación máis eficiente por parte da Forzas e Corpos de Seguridade”.

En Cabana as voces reivindicativas escoitaranse en forma de poemas e cancións este venres, día 24. No acto participarán Matilde Vilariño, Rosalía Fernández Rial, Icía do Manso, Irma Macías e representantes da Asociación Íntegro. A danza de Clara Ferrao e o seu espectáculo Miña xoia complementarán o encontro no que o grupo Son de Cabana fará unha lembranza ás mulleres que deixaron unha pegada importante na vida de cada unha delas. A cita é ás 11.00 horas na Casa do Pendón.

Carballo centrará este ano os actos do 25-N na prevención da violencia sexual e na visibilización das vítimas menores de idade, pois lembran que “desde o 2013, o primeiro ano que empezaron a contabilizarse e a recoñecerse como tales, 49 menores de idade foron asesinados por violencia de xénero en España”, segundo datos do Ministerio de Igualdade. Neste mesmo período, o número de orfos e orfas menores de 18 anos foi de 416, e o 63,6% das mulleres vítimas de violencia machistas sinalan que os seus fillos foron testemuñas do maltrato.

En Cee, o venres ás 12.00 horas na Praza 8 de marzo, o alumnado dos centros de secundaria e membros das asociacións Apem e Aspadex sumaranse ao acto institucional para visibilizar e concienciar “a toda a cidadanía, pero especialmente aos máis novos, sobre a necesidade dunha sociedade máis igualitaria e crítica con todo tipo de comportamentos machistas”.

Pola súa banda, os nenos e nenas de Vimianzo elaborarán un puzzle xigante na Praza do Concello o venres, despois da andaina Camiño da Igualdade polo Roteiro 8M baixo o lema Nesta loita andamos todos. A camiñata partirá ás 10.00 horas do Mirador 8M da capital local.

En Camariñas, A Laracha, Muxía e Mazaricos promoverán charlas, obradoiros e espectáculos teatrais para erguer a voz contra a violencia machista e afondar na educación e sensibilización de toda a cidadanía.