A concentración de Cores-Nemeño permitiu reagrupar en 836 parcelas máis de trescentas hectáreas

Os novos predios triplican o tamaño das fincas e sitúase en 3.360 metros cadrados

O conselleiro do Medio Rural fixo entrega dos títulos aos propietarios dos terreos

O conselleiro facendo entrega do título de propiedade a unha veciña de Ponteceso

O conselleiro facendo entrega do título de propiedade a unha veciña de Ponteceso / Xunta de Galicia

J. M. Ramos

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, entregou este martes os títulos de propiedade da concentración parcelaria levada a cabo nas parroquias de Cores e Nemeño.

O proceso de reestruturación da propiedade abrangueu 303,17 hectáreas, pertencentes a 546 veciños, e contou cun investimento de 1,6 millóns de euros para as asistencias técnicas e obras dos camiños principais, secundarios e outras accións complementarias. Coa concentración pasouse de máis de 2.500 a 863 fincas, triplicando o tamaño dos predios, ao pasar de 1.090 metros cadrados aos preto de 3.360 actuais.

O conselleiro explicou que a parcelaria "segue a ser unha das mellores ferramentas para potenciar o valor das terras". As novas concentracións, engadiu, "contan cunha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións, xa que permiten aumentar a base territorial das granxas e reducir considerablemente os seus custos de produción".

José González lembrou que, dende o ano 2020, a Xunta rematou -con esta de Ponteceso- un total de 30 parcelarias, abranguendo unha superficie de máis de 19.800 hectáreas e beneficiando a máis de 14.600 propietarios, que recibiron preto de 31.600 títulos de propiedade. Dende o ano 2021 decretáronse 29 novas parcelarias ao longo de toda Galicia, abarcando case 24.000 hectáreas de máis de 16.300 titulares.

O titular de Medio Rural tamén visitou a Casa dos Veciños do Couto, que foi reformada ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento rural e a Asociación Monte Branco.