A literatura e os escritores da Costa da Morte cobran protagonismo nos actos culturais do Nadal

Concha Blanco presentou en Lires a súa nova obra 'Eu tamén fun nena'

Luis Lamela falará o xoves en Vimianzo do libro 'A loita dos perdedores'

Concha Blanco presentando o seu libro na casa da escola de Lires

Concha Blanco presentando o seu libro na casa da escola de Lires / A. C. Pedras Miúdas

J. M. Ramos

As escritoras e escritores de Costa da Morte están a ser protagonistas este Nadal, no que se suceden as presentacións literarias. A ceense Concha Blanco presentou na casa da escola de Lires a obra Eu tamén fun nena, ilustrada por Dani Padrón, na que a autora cóntalles ás netas as súas lembranzas da infancia, contrastándoas coas formas de vida actual, abordando temas como o coñecemento, o valor da lingua galega ou a igualdade de xénero, entre outros. 

O xoves, día 14, será o turno do escritor e historiador Luis Lamela, que presentará no auditorio de Vimianzo A loita dos perdedores a partir das 20.00 horas. E o sábado, día 16, a muxiana María Lucinda Rey Escribano presentará no Parador Costa da Morte, en Muxía, o libro Ayúdate que te ayudaré, un relato autobiográfico de superación persoal. O acto comezarás ás 19.00 horas.

En Dumbría haberá dúas presentacións. O martes, día 19 ás 18.00 horas na biblioteca do Conco, Braulio Pérez Astray dará a coñecer Médicos e medicina rural na Costa da Morte: A figura do doutor Manuel Pérez Maroño, adicado ao que fora médico do municipio durante 17 anos. E o día 23, ás 19.00 h. no Ézaro, presentarase O monte Pindo ao descuberto: rutas e Lendas, de Modesto García e Nieves García.