Xesús Búa rememora, dez anos despois, a ‘ferida’ do incendio do santuario da Virxe da Barca

Amosa en fotografías os momentos dun suceso que sacudiu "a alma dos veciños"

Poden contemplarse no seu estudo, situado na rúa da Marina de Muxía

Xesús Búa, diante de varias das fotografías da mostra sobre o incendio do santuario da Barca

Xesús Búa, diante de varias das fotografías da mostra sobre o incendio do santuario da Barca / Lois Búa

José M. Ramos

O día de Nadal trae á memoria dos veciños de Muxía cada ano o incendio que o 25 de decembro de 2013 devorou o santuario da Virxe da Barca. Coincidindo co décimo aniversario, o fotógrafo muxián Xesús Búa abre as portas do seu estudo para que, tanto a veciñanza como os visitantes, poidan rememorar e coñecer en detalle as secuelas “dun lume que feriu, e segue ferindo, a alma de todos os veciños e veciñas”.

A escolma de imaxes captadas coa súa cámara nun dos días máis tristes da memoria colectiva de Muxía, pode visitarse de 10.00 a 13.30 horas accedendo pola entrada da rúa da Marina, e permanecerá aberta ao público ata o verán. “Coido que agora que se cumpren dez anos do incendio é un bo momento para lembrar que os muxiáns seguimos coa alma ferida”, afirma Búa, porque o santuario continúa co retablo máis contemporáneo de Galicia, recreado en 200 metros cadrados de vinilo a partir dunha fotografía súa, “pero iso non é o que queremos, pois o que desexamos é que o templo volva a contar cun retablo do nivel que merece un santuario como o da Barca, un dos máis senlleiros de Galicia e coñecido en todo o mundo”.

O voraz incendio espertou o día de Nadal á veciñanza de Muxía que, entre o estupor e as vágoas, nada puido facer para evitar que as lapas calcinasen a estrutura de madeira do teito, que tivo que se renovado por completo, e tamén o magnífico retablo que en 1717 construira o escultor compostelán Miguel de Romay. Para suplir, provisionalmente, tan grande perda, o avogado muxián Manuel Martín impulsou a iniciativa para reproducilo en vinilo.