Silleda eleva o orzamento da atención ás persoas con alzhéimer

Constenla, esquerda, Cuiña e Troitiño.

Constenla, esquerda, Cuiña e Troitiño. / Concello de Silleda

ECG

O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, xunto coa concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, vén de reunirse co presidente de Afapo (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias da provincia de Pontevedra), José Manuel Constenla. Neste encontro, acordaron a continuidade en 2024 do programa de atención integral a persoas con alzhéimer e as súas familias e o aumento do orzamento para esta iniciativa. O Concello silledense eleva a dotación económica deste plan ata os 20.000 euros, o que supón un incremento de 3.000 euros con respecto ao presente ano, segundo indica o executivo local.

Por outra banda, aos obradoiros de terapia ocupacional e estimulación cognitiva, impartidos toda as semanas, súmase un curso de formación para as familias. Os obradoiros continuarán levándose a cabo os martes e xoves de cada de semana, na Casa da Xuventude da vila. O Concello tamén porá en práctica unha campaña informativa sobre o programa “para tratar de chegar a máis poboación, xa que saben da incidencia que ten esta enfermidade e que teñen, por desgraza, máis usuarios e usuarias potenciais”, afirma o alcalde. Dende Afapo, destacan que queren “axudar ás familias a comprender a importancia dos coidados”. ECG