En marcha a reforma integral do complexo polideportivo da piscina municipal da Laracha

Actúase nas fachadas e no ximnasio, optimizando a impermeabilización e a climatización do edificio

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, cuarto pola dereita, supervisando as obras

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, cuarto pola dereita, supervisando as obras / Concello da Laracha

Suso Souto

O Concello da Laracha puxo en marcha a mellora das instalacións do complexo polideportivo da piscina municipal, que inclúe a renovación das fachadas e a impermeabilización e a remodelación integral das diferentes salas do ximnasio. O novo pavimento é de dous tipos de superficies adaptadas ás necesidades dos ámbitos de actividades e de musculación.

As intervencións culminarán co pintado de todas as salas e a substitución completa das catro máquinas cardiovasculares (dúas cintas de correr e dúas de suspensión elíptica), as dezaseis de musculación e o equipamento de peso libre. Ademais, mellorouse a climatización da sala de spinning.

A previsión do Concello é que o renovado ximnasio reabra nos primeiros días deste mes, ofrecéndolle aos usuarios uns equipamentos máis modernos, atractivos, eficientes e confortables para a práctica da actividade física.

As actuacións que restan por realizarse neste complexo deportivo son as da zona do vaso da piscina, onde se actuará para reducir os desbordamentos que se producen na praia, especialmente nos momentos de maior uso da instalación, o que suporá un impacto positivo tanto no aforro de auga como na eficiencia enerxética

En total, o investimento supera os 180.000 euros, que cofinancian o Concello da Laracha con fondos propios municipais e a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

TEMAS