Artesanía, emigración e morriña centraron a ponencia do novo proxecto do concurso de murais de azulexo Lar

Carmen Riveiro, Lucita Figueroa e Modesto Fraga expuxeron o seu saber en Corcubión

Ao acto asistiron estudantes que participan no certame e usuarios de Apem

Carmen Riveiro, á dereita, durante a súa intervención na ponencia en Corcubión

Carmen Riveiro, á dereita, durante a súa intervención na ponencia en Corcubión / Víctor Hugo

J. M. Ramos

O novo Concurso de Murais de Azulexo promovido por Suministros Lar, de Cee, botou a andar cunha ponencia centrada no lema da edición deste ano: Os oficios das mulleres na época da emigración. Un proxecto que bautizaron como Morriña.

Á cita, na casa de cultura de Corcubión, asistiron estudantes da maioría dos centros educativos que participan no certame e tamén usuarios da Asociación Apem, exercendo como protagonistas as artesás Carmen Riveiro, presidenta da Asociación Amigos do Liño e Lucita Figueroa, recoñecida palilleira de Ozón (Muxía), e o poeta fisterrán Modesto Fraga.

Modesto Fraga e Lucita Figueroa na ponencia impartida en Corcubión

Modesto Fraga e Lucita Figueroa na ponencia impartida en Corcubión / Víctor Hugo

Carmen Riveiro fixo un percorrido pola historia do liño, cutivo que se remonta á Prehistoria, e a súa evolución, explicando ademais todo o proceso de transformación da prezada planta herbácea, desde que se sementa ata que é transformada en multiples produtos, entre eles, coleccións de moda. Lembrou que este cultivo levaba décadas desaparecido "e nós recuperámolo, sobre todo, para conservar a nosa historia e a nosa cultura", subliñou. Hoxe o seu colectivo colabora coa Universidade de Coruña en proxectos innovadores.

Lucita Figueroa tamén rememorou as orixes do encaixe, sinalando que este "é un saber e un oficio que se transmitiu de xeración en xeración e que tivo unha gran importancia na economía da Costa da Morte e de Galicia", afirmou. Ela é presisamente filla doutra gran palilleira, Mercedes Rodríguez, gañadora do Premio de Artesanía Antonio Fraguas, "e cando estaba na barriga de miña nai xa escoita os bolillos", afirmou. Hoxe é ela quen deleita con ese son e coa súa arte aos hóspedes que se aloxan no Parador Costa da Morte, de Muxía.

Pola súa banda, Modesto Fraga enxalzou o gran papel que xogaron as mulleres galegas na época da emigración. Destacou que desde 1880 ata 1930 "máis de medio millón de galegos emigraron a América", a maioría deles homes, "e as mulleres foron as que quedaron a cargo de todo, das familias e dos oficios que desenvolvían".

Estudantes que participan no concurso de murais de azulexo de Suministros Lar

Estudantes que participan no concurso de murais de azulexo de Suministros Lar / Víctor Hugo

Uns coñecementos e saberes que agora aproveitarán os participantes no certame para desenvolver os seus proxectos de investigación previos á elaboración dos seus murais, segundo indicou Tatiana Rodríguez, coordinadora do proxecto.