Vimianzo recorrerá as axudas estatais para a rehabilitación enerxética do centro social municipal

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, interesouse polos proxectos do Concello

Visitou tamén, na compaña da alcaldesa, as instalacións da empresa Gerca

O delegado do Goberno, á esquerda, e a alcaldesa de Vimianzo na factoría de Gerca

O delegado do Goberno, á esquerda, e a alcaldesa de Vimianzo na factoría de Gerca / Delegación do Goberno

J. M. Ramos

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, realizou este xoves unha visita institucional ao Concello de Vimianzo, onde mantivo un encontro coa alcaldesa do municipio, Mónica Rodríguez, con quen repasou os distintos proxectos no municipio.

Na súa visita desprazáronse ata o centro social de Vimianzo no que se prestan distintos servizos municipais e que acolle a varias organizacións locais. A alcaldesa trasladoulle ao delegado o proxecto de rehabilitación enerxética que contempla o Concello para este edificio e que queren presentar a distintas convocatorias públicas para obter apoio económico estatal na súa execución.

Pedro Blanco interesouse por esta iniciativa e reiteroulle a alcaldesa a importancia de fortalecer a cooperación entre administracións na prestación de servizos públicos de calidade e solucións aos problemas da xente, sobre todo nos pequenos concellos, como é o caso de Vimianzo.

Posteriormente, ambos os dous trasladáronse á Casa do Concello onde mantiveron unha reunión de traballo xunto con outros membros do Goberno local. Nesta reunión repasaron outros exemplos de colaboración do Goberno no municipio como a renovación das instalacións de alumeado exterior, a extensión da banda ancha e a dixitalización dos servizos públicos.

Empresa Gerca

Durante a xornada o delegado do Goberno e alcaldesa trasladáronse ao polígono de Vimianzo para coñecer de primeira man o proxectos nos que traballa arestora a empresa Gerca. Pedro Blanco puxo en valor o traballo desta firma, centrada no sector da carpintería metálica e con máis de 25 anos de experiencia, da que indicou que é un referente industrial da Costa da Morte.

Da man dos directivos de Gerca, o delegado e a alcaldesa coñeceron os plans de expansión desta empresa, que se traduciron en investimentos que impactaron no Concello de Vimianzo. O delegado felicitounos por este crecemento, que puxo como exemplo de bo facer empresarial.

TEMAS