A campaña dos Bonos Consuma de Ames xerou ventas no comercio e na hostalería por 258.842 euros

Participaron 108 establecementos e fixéronse 6.159 operacións // En catro semanas esgotáronse os 61.000 € que aportou o Concello

Pola esquerda, o técnico municipal Jorge Couñago, García e Ana Belén Paz cando presentaron a campaña

Pola esquerda, o técnico municipal Jorge Couñago, García e Ana Belén Paz cando presentaron a campaña / Concello de Ames

Suso Souto

A concelleira de Promoción Económica de Ames, Ana Belén Paz, amósase moi satisfeita pola gran acollida que tivo a campaña de tarxetas de desconto Bonos Consuma posta en marcha no Nadal. En menos dun mes consumiuse o 100% do orzamento destinado a dita iniciativa municipal, e xerouse un gasto no comercio e na hostalaría amesá de preto de 260.000 euros. “Penso que contribuímos á reactivación económica do comercio e da hostalería local. Seguiremos traballando nesta liña”, sinalou a concelleira.

Á campaña adheríronse 108 establecementos comerciais e hostaleiros de Ames, onde se puideron empregar os Bonos Consuma. Deste xeito, nun prazo de menos de catro semanas esgotáronse os 61.000 euros que achegou o Concello para os bonos. Nese período descargáronse 3.406 bonos e realizáronse 6.159 operacións. En total, xerouse un volume de negocio de 258.842,94 euros.

Houbo consumo en practicamente todos os sectores comerciais: xogueterías, librarías, ópticas, hostalería, moda e complementos, zapaterías, decoración, clínicas veterinarias, perfumerías, establecementos de estética, material deportivo, informática, xoiería, bazar, material didáctico, moda infantil, parafarmacia, pastelerías, etcétera.

A campaña Bonos Consuma buscou promocionar os sectores do comercio e a hostalería de Ames, para reactivar a economía do municipio impulsando o consumo nos establecementos locais. Todos os comercios participantes contaron cun adhesivo que os acredita como establecementos colaboradores. Cada persoa maior de 18 anos puido descargar un único bono por importe de cincuenta euros.

O principal obxectivo foi crear un impacto positivo no comercio local, promovendo que a veciñanza realizase as súas compras de Nadal nos distintos establecementos do concello. Cada bono tivo un valor de ata 50 euros para as compras que se fixeron nos establecementos adheridos, e púidose usar ata o seu esgotamento ou ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.

O Concello destinou a esta iniciativa, en convenio con Abanca, un total de 80.000 € para os Bonos Consuma. A maior parte deses fondos (61.000 €) destináronse a axudas directas para a adquisición dos bonos, e outra parte foi destinada a sufragar dúas das novidades máis importantes de dita convocatoria: a creación dunha páxina web (www.bonosconsuma.gal) e dunha aplicación móbil. O obxectivo destas ferramentas foi que supuxeran unha descarga de traballo para os comerciantes, pois a aplicación dos descontos fíxose a través de códigos QR.