Vimianzo achega o saber dunha nutricionista á veciñanza a prol dunha alimentación saudable

 A especialista percorrerá as 14 parroquias co fin de mellorar a calidade de vida de todos os vimianceses

A iniciativa é promovida conxuntamente polo Concello e o Centro de Saúde

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, terceira pola dereita, presidiu a presentación do programa

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, terceira pola dereita, presidiu a presentación do programa / C. Vimianzo

J. M. Ramos

O Concello de Vimianzo presentou este mércores un novidoso programa de apoio á nutrición organizado conxuntamente pola Administración local e o Centro de Saúde vimiancés. A iniciativa pon o foco en cuestións de alimentación saudable e, para chegar ao maior número de veciños e veciñas posible, percorrerá as 14 parroquias do municipio.

A nutricionista da Unidade e Apoio Nutricional do Centro de Saúde, Rocío Sánchez, será a encargada de impartir estes obradoiros, e fai un chamamento á veciñanza para que participen destas charlas, xa que “nelas poden atopar ferramentas moi útiles e sinxelas que axudarán a manter unha alimentación saudable e coidada”, afirma.

Na programación inclúense temas coma o concepto de alimentación saudable, a proporción e variedade de nutrientes que debe levar un bo prato, a frecuencia coas que cada persoa debe comer en función das súas necesidades ou a importancia doutros factores máis alá da alimentación, como o exercicio físico, o descanso ou unha boa hidratación.

Para facer as charlas máis didácticas responderanse as dúbidas máis frecuentes respecto da alimentación saudable, como por exemplo, se é necesario facer cinco comidas diarias, se é certo que o almorzo é a comida máis importante do día ou se é malo cear. Ademais, darase resposta ás cuestións particulares dos e das participantes nas sesións.

O ciclo comenzará o día 23 en Cambeda e Berdoias, e continuará en Castrelo e Baíñas (1 de marzo), Serramo e Treos (15 de marzo), Tines e Bamiro (22 de marzo), Salto e Vimianzo (5 de abril), Calo e Carantoña (12 de abril), e Cereixo e Carnés (19 de abril).

A iniciativa foi presentada pola alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Benestar Social, Sanidade, Igualdade e Atención Cidadá, María José Pose; os técnicos municipais Nieves Lema e Víctor Santos; a xefa de servizo de Atención Primaria de Vimianzo, Teresa Castro; e a nutricionista Rocío Sánchez.

A concelleira de Benestar Social, María José Pose, destacou a “constante aposta do Concello de Vimianzo por mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Subliñou que o obxectivo destas charlas informativas é “que todos e todas saibamos como alimentarnos de forma correcta, ofrecendo un asesoramento profesional e gratuíto para chegar á maior cantidade de persoas posible”.

Precisamente, engadiu Pose Pérez, “por iso facemos que este programa sexa itinerante, para que calquera que queira asistir poida facelo na súa parroquia”.

TEMAS