Lestedo repartiu máis de cen mil filloas

 A tradicional festa superou todas as marcas e servíronse tamén á pedra, recheas e, por primeira vez, sen glute

O pregoeiro Javier Olleros, o exalcalde Adolfo Gacio e Nuria Colmenero recibiron os Mandís de Honra

A entidade organizadora rendeu unha emotiva homenaxe ao xornalista Luis Rial

Elaboración de filloas este domingo na festa de Lestedo

Elaboración de filloas este domingo na festa de Lestedo / Concello de Boqueixón

J. M. Ramos

A XLI Festa da Filloa de Lestedo bateu todas as marcas. “Por primeira vez superamos por bastante as 100.000 filloas repartidas, a metade o domingo e o resto durante as actividades paralelas que organizamos no último mes”, destacou José M. Canabal, presidente da A. C. da Filloa.

A coincidencia coa xornada electoral non afectou en nada a festa, e as máquinas filloeiras funcionaron a pleno rendemento. Por cinco euros cada comensal levou dez filloas. Este ano tamén se serviron feitas á pedra (a dous euros) e recheas. Asemade, por primeira vez houbo filloas sen glute no local social de Lestedo.

A festa comezou co VII Desfile de Xenerais da Ulla, precedido por un grupo de gaitas da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio e pola comitiva oficial de autoridades, encabezada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal. No desfile tomaron parte máis de medio cento de Correos, Xenerales e Xeneralas da Ulla chegados de Touro, O Pino, Santiago, A Estrada, Vedra, Teo e Boqueixón.

Luís Rial (fillo), José Manuel Canabal, María Mera, Adolfo Gacio, Javier Olleros, Nuria Colmenero e Ovidio Rodeiro

Luís Rial (fillo), José Manuel Canabal, María Mera, Adolfo Gacio, Javier Olleros, Nuria Colmenero e Ovidio Rodeiro / C. B.

Entre as autoridades presentes estaban Carmen Pita Urgoiti, directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia; María Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural; José Luís Cabarcos, director xeral do Agacal; Miguel Ángel Paredes Marín, coronel xefe do Aeródromo Militar de Santiago; José Antonio Rivero Zobra, capitán xefe da Terceira Compañía de Santiago; o pregoeiro Javier Olleros; Luís Rial, fillo do homenaxeado Luís Rial Suárez; e Nuria Colmenero, responsable de Seguridade Alimentaria da Asociación de Celíacos de Galicia, en substitución da presidenta, Gloria Bernárdez Beltrán.

O alcalde agradeceu “o traballo e implicación dos meus conveciños e da A. C. da Filloa na organización desta festa” e fixo unha lembranza especial ao xornalista Luís Rial, “unha persoa moi ligada a esta festa desde o seu nacemento. Foi presentador durante moitos anos e un verdadeiro embaixador da Filloa de Lestedo. Pregoeiro en 1994, neste mesmo escenario fixo unha das declaracións que máis se recordan, cando proclamou que é o postre nacional galego”.

Atranques e Correos da Ulla na Festa da Filloa de Lestedo

Atranques e Correos da Ulla na Festa da Filloa de Lestedo / Concello de Boqueixón

Javier Olleros, o pregoeiro, asegurou que “a Festa da Filloa de Lestedo é un exemplo de establecer relacións desde a confianza e a solidariedade de todos e todas as que formades parte dela, e da que eu xa me sinto un pequeno embaixador”. Así mesmo, lembrou que “aprendín a facer as filloas escoitando, rompendo moitas, practicando e co cariño e respecto como ingredientes fundamentais”.

Tras o pregón chegou a imposición dos tres Mandís de Honra da Filloa a Javier Olleros, Adolfo Gacio Vázquez, ex alcalde de Boqueixón, e Nuria Colmenero. O grupo Ibiza e as orquestras París de Noia e Origen puxeron a animación musical.