Sesenta expositores e grupos de nivel nunha Festa do Queixo de Arzúa en feminino

O 2 de marzo tocarán Tu Futura Exmujer, ás 21.30 horas, seguido de La Plazuela, Arde Bogotá e Grande Amore

O día 3, turno para De Vacas ao mediodía e, pola tarde, Guadi Galego e Fillas de Cassandra

Presentación da Festa do Queixo de Arzúa con Galego, García, Carril, Alfonso e Lamas

Presentación da Festa do Queixo de Arzúa con Galego, García, Carril, Alfonso e Lamas / Concello

A Casa de Correos de Arzúa foi marco da presentación do programa completo da 49.ª Festa do Queixo, que xuntará a máis de 60 expositores –esgotando todas as prazas dispoñibles no Recinto Feiral Terra do Queixo– e incluirá dúas xornadas con concertos, de balde e baixo carpa, os días 2 e 3 de marzo, ata completar unha capacidade 3.300 persoas.

Así o divulgaban Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa, xunto a José Luís Lamas, presidente do CRDOP Arzúa-Ulloa; Alberto Alfonso, director do Festival do Queixo; Guadi Galego, artista 2024 Festival do Queixo; e José Luís García, concelleiro de Cultura do municipio. Deste xeito, xa pecharon os horarios das actuación dos sete grupos que van actuar na vila. E serán os seguintes: o día 2 tocará Tu Futura Exmujer, ás 21.30 horas, seguido de La Plazuela (22.25 horas), Arde Bogotá (00.20 horas)e Grande Amore (02.05 horas). Xa na última xornada, a do 3 de marzo, De Vacas ofrecerá unha gala ás 12.30 horas e, xa na xornada de tarde, turno para Guadi Galego (18.00 horas) e Fillas de Cassandra, que pecharán o Festival do Queixo ás 19.50 horas.

Ao fío, comezaba a presentación o rexedor, animando a visitar o municipio, unha terra onde “somos xente hospitalaria e afable que sempre vos recibirá cos brazos abertos”. Tamén quixo deixar claro que o evento –declarado Festa de Interese Turístico de Galicia desde 1999–, é máis que unha mostra de produtos lácteos: unha experiencia “para compartir coñecementos e unha ocasión para degustar e desfrutar”.

Pola súa banda, o concelleiro José Luis García, agradeceu a axuda de EFA Piñeiral (e a das empresas privadas involucradas nos cursos e promocións do queixo), coas actividades que fai, a través das seccións de repostería ou marketing. E parouse no torneo Chess&Cheese, así como na figura da pregoeira María Vázquez –día 2 ás 11.45 h no campo da feira– e na doutro artista, Xan Veiga, quen celebra os 30 anos da súa primeira actuación profesional e será nomeado Arzuán do ano xunto coa xornalista e cooperante pola igualdade de xénero, Paula Fernández

Destacou outras actividades como o 7º Festival Pequequeixo, e as dos pasacalles e as do recinto feiral multiusos Terra do Queixo. Nese senso, en canto ao recinto feiral, deuse un cheo absoluto de postos (quedando fora algúns expositores interesados), facendo un total de 68 expositores dos que 53 son queixerías (9 DOP Arzúa Ulloa e 6 co certificado de produto lácteo tradicional) nuns horarios que irán de 11.00 a 20.30 e o domingo de 10.00 a 18.30 horas.

Ese domingo, de 12.00 a 13.30 h., haberá un punto de atención a infancia para deixar aos nenos atendidos.

E, finalmente, García quixo reivindicar dous aspectos. En primeiro lugar, a presenza da muller na festa, cun 50% de actuacións femininas no escenario, e a prioridade á musica feita en Galicia fronte á feita fóra. Dos 6 concertos principais, 4 están protagonizados por grupos galegos, o que diferencia o cartel da Festa do queixo de Arzúa doutros carteis de festivais de Galicia durante o verán que estando subvencionados pola Xunta non inclúen grupos galegos. A organización entende que música galega ten que estar presente e ser protagonista. “Arzúa vai estar chea, teremos queixas veña moita ou pouca, e é imposible calcular o aforo”, reivindicando os fondos propios, os 30.000 € da Deputación, mentras que “a Xunta non axuda”, remataba.

Subliñar que haberá certame de petiscos, catas, masterclass e actividades nos centros educativos.