Francisco Charlín: “O meu obxectivo é ser útil, en todo momento, aos veciños de Laxe”

O novo alcalde tomou posesión do cargo, tras a renuncia de José Luis Pérez

Begoña Gegúndez é a nova edil do PP e asume Deportes e Pesca

Francisco Charlín, co bastón de mando, xunto cos edís do grupo de goberno

Francisco Charlín, co bastón de mando, xunto cos edís do grupo de goberno / Concello de Laxe

J. M. Ramos

O Concello de Laxe xa ten novo alcalde. Francisco Charlín Oróns (PP) recibiu o bastón de mando de mans do seu antecesor, José Luis Pérez, quen reunciou o día 21 de febreiro ao cargo por motivos de saúde.

O novo rexedor foi investido este venres nun pleno extraordinario e comprometeuse a continuar desenvolvendo iniciativas que beneficien a todas as persoas de Laxe e que contribúan “ao avance e progreso do noso municipio”. O seu obxectivo, engadiu, “ é ser, en todo momento, útil para a nosa veciñanza. Os nosos veciños e veciñas serán sempre a prioridade e as súas preocupacións e necesidades o que guíen as actuacións e accións que levemos a cabo”.

Francisco Charlín, percebeiro de profesión, xa viña exercendo como alcalde en funcións desde a renuncia de José Luis Pérez, ao que xa substituíra noutras ocasións cando o rexedor saínte estivo de baixa, polo que é plenamente coñecedor do proxecto municipal do PP de Laxe, que desde o ano 2019 goberna con maioría absoluta, unha confianza que renovou o propio Pérez nas últimas eleccións municipais de 2023.

Charlín confirmou que se dedicará en exclusiva á Alcaldía e o seu soldo será aprobado na vindeira sesión plenaria da Corporación local. Cómpre lembrar que Pérez non percibía salario, xa que está xubilado.

Na sesión plenaria deste venres tamén tomou posesión Begoña Gegúndez Allo, a nova concelleira do Partido Popular, que ocupará o sillón vacante tras a marcha do anterior rexedor. Asumirá ademais as funcións de concelleira delegada de Deportes e Pesca, áreas que, ata agora, estaban a cargo de Charlín Oróns.

O novo alcalde confirmou tamén, despois de ser investido, como queda o organigrama do novo goberno municipal de Laxe. Ademais das áreas xa referidas que asumirá a nova edil Begoña Gegúndez, Raquel Lema Allo exercerá como concelleira delegada de Comercio, Hostalería, Turismo e Cultura; Sandra Mouzo Pose exercerá de edil delegada de Servizos Sociais, Emprego e Igualdade; Daniel Mata Martínez será o concelleiro de Xuventude, Festas e Medio Ambiente; e, finalmente, Eulogio Constantino Castiñeira asume a concellería delegada de Persoal, Obras, Servizos e Praias.

Apoio de Alfonso Villares

Ao acto de toma de posesión do novo alcalde asistiron, ademais dos concelleiros dos grupos da oposición, o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, representantes do PP na comarca de Bergantiños, veciños e veciñas de Laxe.