Vinte e catro grupos animarán cun ‘pasabares’ a hostalería da Pobra

Levarán a música tradicional aos locais da vila o sábado dezaseis // Outras dúas formacións actuarán nunha carpa na zona da Covecha

A edil Patricia Lojo, no centro, cos organizadores do Pasabares

A edil Patricia Lojo, no centro, cos organizadores do Pasabares / Cedida

Suso Souto

Como antesala da festa do Carme do Castelo, a sexta edición do Pasabares levará a música tradicional á hostalaría da Pobra do Caramiñal o vindeiro sábado 16 a partir das 20.00 horas. Incorpórase tamén unha novidade: o concerto de Río de Anxo e Varacuncas, ás 22.30 horas, nun toldo disposto na zona da Covecha, que acollerá tamén unha foliada.

No acto de presentación participaron a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e representantes da comisión organizadora do Carme do Castelo: o seu presidente, José María Abuín; o tesoureiro, Ricardo Santamaría; e os vogais Juan Manuel Fernández e Mari Carmen Miranda.

“Este evento chega para dinamizar a vila culturalmente na segunda quincena do mes de marzo, antes da chegada da axenda lúdica propia do verán, ademais de encher a localidade do noso folclore”, segundo sinalou a concelleira. 

Doutra banda, o presidente da entidade agradeceu a colaboración de todas as partes implicadas e informou que se estima unha importante afluencia de persoas, pois xa está confirmada a chegada dun autobús completo procedente de Noia.

Participarán os seguintes grupos: A Dorniña de Abanqueiro, A.C. Pedra da Aroña, AMBT Vai de Roda, Andavía, Argalleiros, Arrancadeira, Caraveiros, Chorimas, Gaiteiros do GBMT Tahúme, Jaitas Blue, Nunca é Tarde, Os da Boina, Os Laxeiros, Os Liantes, Os Pequenos do Barbansa, Os Sentenarios, Reviravolta, Rianxeiras da Covecha, Saljariteiros, Sons da Illa, Trécola, Troula na Barquiña, Xiada e Luminaria.

O ritmo soará nos bares 420, A de Rosa, Alameda, Amanitas, Anduriña, Bar Nuevo, A Barquiña, Blue Moon, Brisas, Canalejas, Curotiña, Don Miguel, Gelys, La Bolera, La Embajada, Liceo, London, Miramar, Mordiscos, O Galeón, O Malecón, Olimpo, Sisal e Tertulia no Laño.

Por outra banda, a concellería de Servizos Sociais e o Centro Sociocomunitario e do Benestar da Pobra lanzan unha nova convocatoria do programa de envellecemento activo que, cada ano, medra en número de participantes. Esta acción focalizada na estimulación cognitiva ten como finalidade mellorar la calidade de vida das persoas maiores da vila.

A programación divídese en dous semestres, no horario da tarde. No primeiro, a musicoterapia transcorrerá aos mércores, dende o día 3 de abril ata o 5 de xuño, da man de Ignacio Crespo, mentres que o envellecemento activo se desenvolverá os venres, do 5 de abril ao 31 de maio, a cargo da Cruz Vermella. Xa no segundo semestre, a musicoterapia impartirase do 16 de outubro ao 11 de decembro e o envellecemento activo terá lugar dende o día 4 de outubro ata o 29 de novembro. Farase unha parada nos meses do verán.