AUTOVÍA DA ESTRADA

Santiago e A Estrada quedarán unidas por autovía a finais do verán de 2025

O presidente da Xunta comprobou “o bo ritmo” das obras entre A Ramallosa e Pontevea

Antes de que remate este ano está prevista a licitación dos traballos do segundo treito

Alfonso Rueda coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha visita ás obras da autovía da Estrada

El Correo Gallego

J. M. Ramos

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, supervisou este luns os traballos do novo treito da autovía AG-59 entre A Ramallosa e Pontevea, destacando “o bo ritmo” das obras de ampliación, que permitirán conectar Santiago de Compostela e A Estrada en 10 minutos e sen pagar peaxes.

Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo; e o alcalde da Estrada, José López Campos, afirmou que se trata dunha infraestrutura “moi demandada e necesaria, que vai ter unha gran incidencia na améndoa central de Galicia, en todos os concellos que hai arredor da capital galega”.

Os traballos de ampliación vanse dividir en dous tramos. O primeiro, de 3,5 quilómetros, é o que xa está en marcha entre A Ramallosa e Pontevea, no concello de Teo, e conta cun investimento de 36 millóns de euros. O segundo, de 4 quilómetros, conectará Pontevea e A Estrada. A previsión é licitar as obras deste segundo treito a finais deste ano e, segundo subliñou o primeiro mandatario autonómico, aínda que se trata dunha obra “complexa, se nos axuda a meteoroloxía esta autovía estará operativa a finais do verán do vindeiro ano 2025”.

Por iso, en paralelo aos traballos que xa se están acometendo, a Consellería de Infraestruturas vai traballar para avanzar no segundo tramo. A previsión é que o proxecto de obra se aprobe no terceiro trimestre deste ano para poder licitar os traballos a finais de 2024.

O presidente da Xunta en funcións resaltou que a ampliación da AG-59 está enmarcada na aposta que o Goberno autonómico vén facendo dende anos atrás “por ter Galicia, a nosa terra, ben comunicada”. Para iso, engadiu, a Xunta traballa para seguir ampliando a rede de estradas autonómicas a través de vías de altas prestacións sen peaxe.

A este respecto, Alfonso Rueda subliñou que a Administración autonómica incrementou “nun 70% os quilómetros deste tipo de vías”, o que significa “que oito de cada dez galegos teñen unha vía deste tipo a menos de 15 minutos da súa casa”.

Ao respecto das peaxes, Rueda comparou tamén as políticas da Xunta coas do Goberno central. Así, resaltou que no caso das autoestradas autonómicas con peaxe, “o Executivo galego conxelou por segundo ano consecutivo as tarifas das dúas de titularidade autonómica para que os cidadáns non teñan que facer fronte ao incremento de prezos anuais, mentres que as de titularidade estatal experimentaron a maior subida do século XXI”.

Asemade, demandou o mesmo compromiso na mellora das infraestruturas por parte do Goberno central, lembrando a falta de mantemento dalgunhas vías estatais nas que abondan as “fochancas”, ao tempo que lembrou as demoras no Corredor Atlántico de Mercadorías e na chegada dos trens Avril a Galicia.

Novo firme para 7 estradas autonómicas en 10 concellos

A bo ritmo as obras de ampliación da Autovía AG-59

El Correo Gallego

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou este luns, por importe de 3.629.126 euros, as obras de mellora do firme en sete estradas autonómicas ao seu paso por dez concellos da provincia da Coruña. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o oito de abril. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

O obxectivo da actuación é rehabilitar o firme en varios treitos das estradas autonómicas AC-300, AC-303, AC-406, AC-432, AC-546, AC-550 e AC-552, que discorren polos concellos da Baña, Brión, Negreira, Vimianzo, Padrón, Ribeira, Rois, Santa Comba, Val do Dubra e Outes.

Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, segundo as necesidades concretas das vías obxecto destas intervencións.

As actuacións completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos mellorados de todas as estradas e a reposición dos tramos de barreira de seguridade que sexa preciso.

Mellora vial en Cabana de Bergantiños

Pola súa banda, a Deputación da Coruña vén de adxudicar por 773.498 euros as obras de mellora da seguridade vial na estrada provincial DP-1406, no tramo que vai de Neaño ao Allo, pasando por Cesullas, no concello de Cabana de Bergantiños.

As obras consisten na execución dunha senda de dous metros de ancho que discorrerá pola marxe dereita da estrada, entre os puntos quilométricos 0+680 e 1+900, e na ampliación da plataforma ata conseguir dous carrís de 3,5 metros e beiravías de 0,5 metros, salvo na zona na que se executan os muros, na cal a beiravía da marxe esquerda terá de ancho un metro.

A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, dixo que suporán unha notable mellora na seguridade para o tráfico e para os peóns, pois o vial terá unha senda peonil de 1,2 quilómetros.