A Pobra enmarca a Semana Santa con roteiros e mostra de camelias

O Concello organiza un obradoiro de marisqueo, unha andaina polo río Pedras e visitas á capela da Alba e á torre dos Valle Bermúdez

Pola esquerda, Ángeles Tubío, Estefanía Ramos e Sara Sánchez

Pola esquerda, Ángeles Tubío, Estefanía Ramos e Sara Sánchez / Cedida

Suso Souto

O Concello da Pobra quere aproveitar a gran afluencia de visitantes que recibirá a vila durante a Semana Santa para complementar os actos relixioxos cunha ampla oferta de actividades lúdicas e culturais.

O proceso extractivo dos bivalvos poderase experimentar na propia praia o mércores 27 cun obradoiro de marisqueo a pé. Sairase das inmediacións da Casa Mariñeira, ás 12.30 horas, en dirección á praia dos Areos. Requírese inscrición previa. O importe da actividade é de 12 €, agás para menores de 10 anos, para quenes será de balde. Inclúe a entrega do receitario elaborado pola hostalería local.

Tamén haberá a ocasión de coñecer polo miúdo distintas variedades da planta raíña dos xardíns galegos: a camelia. A segunda edición da exposición dedicada a esta especie botánica poderase visitar na Casa Mariñeira, o Xoves Santo e o Venres Santo (28 e 29 de marzo), de 10.00 a 13.30 e de 17.30 a 19.30 horas. Todas as persoas interesadas en facer a súa achega floral dispoñen ata o día 22 de marzo. A inauguración desta mostra terá lugar o día 28, ás 12.30 horas.

O sábado de Pascua, 30 de marzo, emprenderase unha ruta guiada de tres quilómetros polo río Pedras. O guía será Joaquín Rubal, quen ensinará aspectos relacionados coa tradición oral e a xeoloxía do lugar. A dificultade do itinerario é media, polo cal se recomenda para maiores de 12 anos. O punto de encontro establécese no aparcadoiro fronte ao mercado municipal, ás 10.00 horas. Tamén é preciso anotarse por un importe de 13,50 euros, que inclúe o traslado nun microbús ata a parte baixa de dita paraxe natural. 

Pero tamén o patrimonio adquire protagonismo nesta xornada, cun formato de visita guiada ás coñecidas como xoias do Renacemento: a capela da Alba e a torre dos Valle Bermúdez. O director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, achegará tamén a historia de Juan Domínguez Giance e Constanza Domínguez de Búa, matrimonio benfeitor de ambos os dous inmobles. O punto de partida será a Casa Mariñeira, ás 16.30 horas. Se ben é unha actividade de balde, reservarase a praza.

Os interesados en obter máis información e facer as inscricións poden dirixirse á oficina do turismo, situada na contorna do parque do Castelo, mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671 090 262, 687 482 835 e 981 84 328.

A programación foi presentada pola concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, quen estivo acompañada polas técnicas municipais desta área, Sara Sánchez e Ángeles Tubío.

Por outra banda, Estefanía Ramos informou que se ampliará o horario de atención da oficina de turismo nesa semana, de luns a sábado, en quendas de mañá e de tarde.