A Pobra colabora nun proxecto para a medición do impacto do cambio climático nas empresas do mar

O patrón maior da Pobra, Enrique Maceiras, segundo pola esquerda, nunha reunión de traballo de Esclimatic

O patrón maior da Pobra, Enrique Maceiras, segundo pola esquerda, nunha reunión de traballo de Esclimatic / Cedida

Suso Souto

A cooperativa Dálle que dálle atópase inmersa nun proxecto co obxectivo de crear unha ferramenta interactiva e intuitiva para o autodiagnóstico e a planificación estratéxica do impacto do cambio climático nas pequenas e medianas empresas dos servizos ecosistémicos da ría da Arousa. O seu nomeé Esclimatic.

Entre as colaboradoras están a confraría da Pobra, que dirixe Enrique Maceiras, e a concellería de Promoción Económica, para a cal “é moi importante apoiar iniciativas desta índole que beneficien os negocios con actividades vinculadas ao mar, dende a perspectiva social e dende a económica, debido á cantidade de emprego que xera de maneira directa e indirecta”, di a edil de dito departamento, Amparo Cerecedo.

No marco do proxecto aplicaranse métodos colaborativos para a identificación de estresantes e impactos presentes e futuros que afectan directamente aos produtores primarios (mariscadores, pescadores, mergulladores, etc.) para, posteriormente, deseñar unha estratexia de adaptación para toda a cadea produtiva que permita a colaboración entre os diferentes axentes.

Dálle que dállee stá formada por Laura Vidal Bralo, Susana Loroño Mondragón e Lorena Leiro Paz.

Pero esta non é a única iniciativa coa cal o Concello establece sinerxias con dita cooperativa en materia de dinamización. En 2023 botou a andar A todo piñón: escola de segunda oportunidade do Barbanza, un proxecto formativo posto en marcha polo Concello, co apoio da comunidade educativa e o tecido empresarial, focalizado na mellora das competencias prelaborais e profesionais da xente moza de entre 16 e 30 anos da comarca a través da mobilidade sostible e a economía circular, ao tempo que se busca contribuír á creación de emprego na localidade.