MEDIO AMBIENTE

Sete asociacións de Bergantiños piden máis protección para o espazo fluvial do Anllóns

Demandan a conservación da vexetación autóctona e que se eliminen sendas de zahorra e pasarelas

Rexeitan os parques eólicos que afecten ao río e aos seus afluentes

Asinantes do Manifesto do Anllóns, ao pé do río

Asinantes do Manifesto do Anllóns, ao pé do río / Xuntanza polo Anllóns

J. M. Ramos

Os colectivos bergantiñáns Salvemos o noso, de Soandres; Adro, de Vilaño; A.C. Mestra Carmen Cancela, de A Brea; Senda Nova; A.D. Media Ducia; o Instituto de Estudos Bergantiñáns; e a A.C.R. Casino 1889 asinaron e difundiron o manifesto Xuntanza polo Anllóns para reivindicar máis protección para a arteria fluvial da comarca.

Aseguran que a zona de influencia do río Anllóns acolle importantes espazos de interese ambiental, paisaxístico e etnográfico, sendo hábitat de numerosas especies de flora e fauna. Ademais, engaden, “é un dos maiores símbolos de identidade da comarca e dos seus habitantes”. Unha riqueza natural e cultural que se mantivo no tempo “grazas a unha protección das súas áreas e a un afastamento da intervención humana”.

Non obstante, os referidos colectivos sinalan que “actualmente córrese o risco de alterar eses valores orixinais a través de intervencións que sexan pouco respectuosas cun medio natural tan sensible como é un río e as súas marxes”.

Por iso, solicitan das administracións “responsables de defender este valioso patrimonio” que sexan especialmente coidadosas coa conservación da vexetación autóctona de ribeira, co coidado do patrimonio etnográfico e coa localización e intervención no caso de verteduras que afectan ás augas.

Demandan asemade “eliminar proxectos que alteren os valores do río, como poden ser a construción de sendas de zahorra, de entullo ou a base de pasarelas de madeira que producen un grave impacto ambiental”. Piden ademais que se evite a reposición destes materiais, “coidando de que se restableza o chan orixinal”. Alertan que iso evitará ademais que a zahorra ou outros entullos poidan acabar na canle principal do Anllóns. Subliñan que “para camiñar polas marxes do río son suficientes sendas de terra como as que usan os pescadores”.

Por outra banda, a través do manifesto en defensa do río Anllóns, solicitan tamén a desestimación de proxectos de parques eólicos que afecten ao curso fluvial e aos seus afluentes. A este respecto sinalan que “un exemplo deste impacto vémolo na nacemento do río”.

As asociacións ambientais, veciñais e culturais que asinaron o manifesto agardan que “outras entidades se sumen a esta plataforma a prol do río de Bergantiños” polo seu valor social, xa que esta canle fluvial é “o elemento máis importante de unión da comunidade bergantiñá, unha das comarcas mellor definidas do país”, afirman.