VI GALA DO DEPORTE

O rexurdir do Ciudad de Santiago

O club captou a moitos rapaces e rapazas para revitalizar o equipo tras o duro golpe que supuxo a pandemia do covid na entidad deportiva

O club captou a moitos rapaces e rapazas para revitalizar o equipo tras o duro golpe que supuxo a pandemia do covid na entidad deportiva / CDN

O CDN Ciudad de Santiago foi recoñecido o pasado luns como a entidade deportiva máis destacada nos VI Premios Santiago Deporte. Un recoñecemento baseado non só nos títulos acadados, senón tamén a capacidade que amosou a entidade deportiva para captar novas fichas e recuperar a súa capacidade competitiva na elite.

Depois da pandemia, o Ciudad de Santiago entrou nun proceso difícil, xa que os seus deportistas sénior comezaron a abandonar o equipo e o club veu reducido o seu número de fichas e tamén pasou por certas dificultades económicas. O motivo que levou a esta perda de deportistas foi dado pola reducción de horarios que houbo pola falta de espazos para todos os clubs que requiren do uso de piscinas para a práctica deportiva.

Pero o pesimismo nunca foi unha cualidade que defina a esta entidade e, por contra, os esforzos incrementáronse para captar a máis rapaces e rapazas. Deste xeito, o equipo renovábase e por riba atopaba moito talento en Compostela, o que permitiría comezar a traballar no obxectivo que sempre se tivo dende a fundación do club no ano 2010: crear unha cultura de natación en Santiago.

Os equipos de idades adultas desvanecíanse, pero os deportistas de base daban un salto cuantitativo e cualitativo que prometía e moito. Entre os nomes máis destacados que apareceron nesta nova camada de nadadores hai dous nomes moi destacados, os de Xoel Parcero e Agustín Orechia.

Parcero, que agora continúa coa súa progresión no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, acadou todas as finais do Campionato de España de 2023 en Xixón, levando o nome da capital galega a todos os rincóns do país.

Pola súa banda, Orechia fixo o propio na mesma competición pero na edición deste ano, conseguindo ademais unha meta que levaba esperando dende hai tempo. O nadador logrou subir ao podio como segundo na categoría de 50 espalda, conquistando a medalla de prata júnior. Tamén estivo moi cerca de acceder a final absoluta con só 17 anos.

Os dous nadadores son o exemplo do bo facer do Ciudad de Santiago e os rapaces xa miran ás competicións internacionais como unha posibilidade real. O futuro para ambos é moi prometedor, pero o máis importante será recordar que foi neste club donde formaron a estes dous competidores natos.

Fora das individualidades, tamén cabe celebrar que a entidade compostelá tivo outros éxitos acadando medallas en categorías base tanto a nivel nacional como autonómico, demostrando que os máis pequenos veñen pisando forte e con ganas de recrear os triunfos dos dous astros anteriormente mencionados.

Dende o club saben que agora mesmo en categoría absoluta non teñen a presenza de antes trala marcha que houbo despois da pandemia, pero con todos os éxitos que veñen desde abaixo as ilusións renóvanse coa idea de que os nadadores das categorías inferiores continúen coa súa progresión e poidan competir no futuro a nivel absoluto baixo o nome do Ciudad de Santiago.

Algúns nadadores formados na entidade compostelá chegaron a participar en competicións internacionais e a idea é que, pouco a pouco e traballando con moita ilusión na base, os rapaces e rapazas que formen poidan chegar a repetir o hito e leven o nome da capital galega por todo o globo.

En relación á traxectoria do club, cabe recordar que na súa fundación en 2010 arrancou con 65 licencias federativas, unha cifra que na actualidade casi triplica ao chegar ata as 193 que ten a día de hoxe. Poder superar a barreira das 150 permítelle á entidade traballar ben e contar con varios competidores por categoría que axudan a fomentar a competitividade e o crecemento dos nadadores santiagueses.

Pronto chegaron os éxitos en categorías inferiores materializados en títulos autonómicos que xa comezaban a poñer o nome do club entre os mellores de Galicia na década da súa fundación, augurando un futuro moi prometedor que só se pudo ver empañado pola pandemia do covid.

Aínda así, outro problema recurrente para o Ciudad de Santiago é que segue a espera de que se aumenten os espazos de piscina para os deportes acuáticos que tanto precisa a entidade e especialmente eles para contar con máis horarios de adestramento que lles permita traballar de mellor xeito con ese volume de deportistas que teñen e que parece que non vai deixar de medrar tempada tras tempada.

Neste aspecto, o club está a traballar e a procurar un estreitamento coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través de convenios e colaboracións mutuos, algo que lle interesa moito ao club xa que entenden que a partir dos 18 anos, na etapa universitaria, é cando comeza a haber problemas para conciliar deporte e estudios.

Un exemplo desta unidade que se comeza a forxar viviuse recentemente cando Compostela foi sede do Campionato Galego Universitario de natación que acolleu a USC. O Ciudad de Santiago colaborou neste evento para que se realizase do mellor xeito posible.

Poder atopar unha vía que poda manter aos nadadores máis exitosos na cidade e unha das motivacións principais que se está a procurar coa USC. Un exemplo claro está co propio Agustín Orechia, que podería marchar a unha universidade estadounidense para seguir a súa formación académica e deportiva, algo que dende o club entenden perfectamente pola gran posibilidade que supón.

A curto prazo, na entidade deportiva queren conseguir que os seus deportistas non teñan que marchar e poidan vivir unha carreira deportiva plena e exitosa en Compostela, ofrecendo unhas condicións de elite para os nadadores.

A nivel nacional, o nome do Ciudad de Santiago colle forza día a día e, sen dubida, este club xa é un dos grandes nomes deportivos da capital galega cando todavía non cumpre a súa maioría de idade. Dende este momento ata que cheque esa etapa de ‘adultez’ como club, os éxitos seguiran a acompañar á historia e cultura da piscina que están a crear en Compostela.

Agora e máis que nunca, Compostela debe volcarse co Ciudad de Santiago para asentalo como un dos grandes equipos nacionais por todo o que está a dar a capital galega e polo duro proceso do que logrou rexurdir e do que sae máis forte. E o primeiro paso para poñelos en valor é este recoñecemento como a entidade deportiva máis destacada dos Premios Santiago Deporte.

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024