As probas populares de Barbanza Arousa viviron a súa gala de premiados

André Couce

O pasado venres tivo lugar a entrega de premios da sexta edición do circuíto de probas populares de Barbanza Arousa no Teatro Cine Elma, na Pobra do Caramiñal. Entregáronse premios ás distintas categorías gañadoras nos circuítos celebrados nos catro concellos da comarca: A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira. Os premios a entregar son ás categorías absolutas, sub-10, sub-12, sub-14, sub-16, sub-18, sénior, grupos máster femeninas e masculinas, clubes federeados e asociacións, e á categoría de conciencia social, destinada a persoas con diversidade funcional, ‘sapatilla’ inclusiva. Fixeron entrega dos premios o presidente da Mancomunidade e alcalde de Ribeira, Luís Barral; o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal; os concelleiros de deportes dos catro concellos, Marcos Fajardo (Boiro), Julio Alcalde (Rianxo), Javier Vidal (Ribeira) e Eloy Saborido (A Pobra do Caramiñal); a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro, e os técnicos de deportes de Ribeira e A Pobra do Caramiñal, Xavier Sampedro e Ana Mª Romero respectivamente. O acto estivo conducido polo xornalista deportivo Terio Carrera e contou coas intervencións da humorista galega Cristina Collazo. Nesta edición, os trofeos entregados estaban realizados nun material de plástico reciclado, en consonancia coa estratexia global da mancomunidade de fomento da sustentabilidade en todos os eidos. Para a clasificación absoluta entregáronse tamén bonos de experiencias turísticas en empresas de Barbanza Arousa certificadas co selo de calidade SICTED e bonos económicos para mercar material deportivo en tendas dos catro concellos. O Circuíto de carreiras populares Barbanza Arousa “4 carreiras, 1 meta” ten por obxectivo fomentar a práctica da actividade física como medio para alcanzar unha vida máis saudable. O circuíto conta co control técnico da Federación Galega de Atletismo e estivo organizado conxuntamente polos concellos que forman parte da Mancomunidade Barbanza Arousa: A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Rianxo e Boiro.