Pontón acusa a Feijóo de cruzar “todas as liñas vermellas” respecto á violencia machista

Pontón, entre Sanmartín (dereita), Da Silva e Presas (esquerda) / |  CEDIDA

Pontón, entre Sanmartín (dereita), Da Silva e Presas (esquerda) / | CEDIDA / Redacción

Redacción

Ana Pontón acusou no día de onte a Feijóo de cruzar “todas as liñas vermellas” respecto á violencia machista, debido a que os pactos dos populares coa formación de extrema dereita, Vox, “desprotexen ás mulleres e dan alas aos agresores e ao machismo que mata, porque non se pode loitar contra algo que se nega que exista”.

Así se expresou a líder da organización frentista nun acto celebrado a carón da estatua das Marías na Alameda compostelana. Unha xuntanza de mulleres nacionalistas da que tamén participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e as candidatas ao Congreso por Pontevedra e Ourense, Carme Da Silva e Noa Presas.

Co obxectivo de frear esa involución en dereitos e liberdades que dende o BNG consideran que traería un goberno do PP e Vox, Ana Pontón apelou á mobilización masiva das galegas para encher as urnas de votos nacionalistas. “Porque un escano máis do BNG será un menos para Feijóo”, sinalou a voceira nacional frentista.

“Coñecemos ben ao candidato do PP, era o que financiaba a Rede madre antiabortista que lle nega ás mulleres o dereito a decidir; o que financiaba os colexios do OPUS Dei ou o que recortou as axudas ás vítimas de violencia machista”, sentenciou Pontón que posicionou á súa formación como “muro de contención ante a caverna”.