Paula Prado lamenta que o PSOE “estea na liorta pola Lei do Litoral”

Percorreu Muros coa candidata do PP, Inés Monteagudo // Di que PSdeG e BNG “están centrados no seu independentismo”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, esquerda, con Inés Monteagudo, este venres en Muros / pp

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, esquerda, con Inés Monteagudo, este venres en Muros / pp / BELÉN TEIGA

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, acompañou este venres á alcaldesa de Muros e candidata á reelección por esa formación política, Inés Monteagudo, nun paseo pola vila no que ambas repartiron propaganda electoral e explicaron detalles do programa ás persoas coas que tiveron a oportunidade de conversar. En declaracións aos medios, Paula Prado lamentou que os socialistas “estean na liorta pola Lei autonómica do litoral”.

A número dous dos populares galegos engadiu ao respecto, en referencia a José Ramón Gómez Besteiro e Valentín González Formoso, que hai un delegado do Goberno e un secretario xeral dos socialistas galegos que “non se poñen de acordo en apoiala ou non”.

En clave local, Prado sinalou que, na súa opinión, “Inés Monteagudo encarna o proxecto de futuro e de solvencia do PPdeG”. A secretaria xeral dos populares en Galicia anunciou, ademais, que o obxectivo do seu partido é “trasladar aos 313 concellos de Galicia o noso proxecto de estabilidade”.

Desta maneira, Prado fixo fincapé no labor dos populares sinalando “a diferenza” do que están facendo co PSdeG e o BNG, que, segundo dixo, están “centrados no seu independentismo e nas súas liortas internas”.

“Desde o PPdeG dicimos claramente, desde esta vila costeira, que defendemos a xente e as empresas do mar”, abundou a secretaria xeral dos populares galegos durante a súa visita a Muros. Sobre a candidatura de Inés Monteagudo, sinalou que apoia “o proxecto de futuro, de solvencia e de facer ben as cousas” que ten a alcaldesa e aspirante á reelección na cita do 28-M.

Hoxe, sábado, será o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen se achegue a Muros para acompañar á candidata do Bloque á alcaldía, María Lago, nun acto público onde tamén intervirá o candidato Seve de Xantoque. Será a partir das 20.00 horas na Praza da Alameda de Esteiro.