Estrella López, xerente do Sergas: "Non existe conflito de intereses, o meu irmán non ten cargos directivos en Ahosgal"

A deputada nacionalista Montse Prado insistiu en que o nomeamento do irmán de López Pardo á fronte da patronal dos hospitais privados "fixo saltar as alarmas" porque o seu papel na asociación "non é organizar a cea ou a viaxe de fin de curso, senón mellorar a conta de resultados".

A xerente do Sergas, Estrella López, durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade.

A xerente do Sergas, Estrella López, durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade. / Parlamento de Galicia

Redacción

"O meu irmán non ten cargos directivos. Foi contratado como persoal técnico e non executivo desta asociación de hospitais privados de Galicia". Así comezaba a comparecencia, a solicitude do BNG e posteriormente a inciativa propia, da xerente do Sergas. Estrella López Pardo, defendeu este xoves, na comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, o seu compromiso coa sanidade pública.

"Non existe conflito de intereses porque foi requisito para a miña entrada na Consellería" dixo López Pardo, quen acusou o BNG de terxiversacións: "A intención de quen lanzou acusaciones contra min non é aclarar dúbidas, senón fomentalas. O partido nacionalista pedira explicacións tras coñecerse que o xerente da Asociación de Hospitais Privados de Galicia (Ahosgal), que agrupa os 14 principais hospitais privados na comunidade, é o irmán de López Pardo: "Teño a conciencia moi tranquila e pido respecto ás actividades da miña familia que son lícitas".

Na súa quenda de intervención, a deputada do BNG e portavoz de Sanidade do grupo parlamentario nacionalista acusou a xerente do Sergas de "botar tinta de calamar" e pediu "luz e taquígrafos. "Isto non é unha cuestión de se ten accións ou propiedades ou actúa na esfera privada. O Sergas ten unha relación moi estreita con esta asociación e cos hospitais que forman parte dela", afirmou Montse Prado. Na súa opinión, o "deterioro" da sanidade pública "non é unha casualidade" senón "froito das políticas do Goberno galego, que van nunha dirección concreta: máis sanidade privada e menos sanidade pública".

A deputada nacionalista insistiu en que o nomeamento do irmán de López Pardo á fronte da patronal dos hospitais privados "fixo saltar as alarmas" porque o seu papel na asociacion, dixo Prado "non é organizar a cea ou a viaxe de fin de curso, senón mellorar a conta de resultados".

Pola súa banda, o deputado socialista e portavoz de Sanidade do seu grupo, Julio Torrado, sinalou que "damos por suposto que se cumpre a lei", pero que estamos ante un debate ético e dificilmente xustificable desde o punto de vista estético: "O seu irmán é presidente da patronal de hospitais privados, a curmá de Feijóo é a xerente máis discutida de todas as áreas de galicia e vostede dirixe para Galicia a concesión do Sergas". Difícilmente xustificable desde o punto de vista estético.

Para o deputado do PPdeG Alberto Pazos Couñago, o BNG volveu demostrar que non ten "interese pola verdade", que os contratos do Sergas son públicos e que o BNG debería pedir desculpas por "poñer en dúbida a honorabilidade" de López Pardo.