Valentín González Formoso anuncia eleccións primarias en setembro para elixir o candidato á Xunta

O líder do PSdeG emprazou ao partido a prepararse para as próximas eleccións autonómicas

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia / ECG

Redacción

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou hoxe a convocatoria de eleccións primarias en setembro para escoller ao próximo secretario xeral. Así o dixo na reunión do Comité Nacional Galego do PSdeG para ofrecer “tempo suficiente para que o compañeiro que se presente poida ilusionar ao partido e explicar o proxecto á militancia e á cidadanía”.

O líder do PSdeG fixo este anuncio “con tempo e sen trampas” para manterse “honrado coa miña propia palabra” porque, dixo, “con coherencia se manteñen as institucións” e para manter un partido “crible para a sociedade galega” a costa dos intereses persoais. O responsable socialista defendeu a democracia interna nun partido no que “cada militante pode poñer un presidente da Xunta e un presidente do goberno”.

Formoso emprazou ao partido a prepararse para as próximas eleccións autonómicas, que serán convocadas “non en función dos intereses xerais de Galicia”, senón en función dos intereses de Rueda e de Feijóo. Así o dixo logo de apuntar que ao presidente galego “lle tremeron as pernas” antes de convocar as eleccións autonómicas para que coincidiran coas xerais do 23 de xullo porque a esquerda está “moi por riba” da dereita en Galicia.

O secretario xeral do PSdeG interveu nun Comité Nacional Galego -o máximo órgano entre congresos- que comezou cun minuto de silencio polo recente pasamento da viguesa Fini Silva e na que fixo balance das recentes eleccións municipais e das inminentes eleccións xerais do 23X.

Emprazou ao partido a “facer autocrítica e revisar as nosas políticas, onde temos fallado e onde temos acertado” nunha convocatoria na que os socialistas galegos obtiveron 420.000 votos, o 30 por cento fronte ao 38 do PP e o 18 do BNG. Dixo que “para nada estamos ledos e satisfeitos, pero tampouco vamos ser catastrofistas” por un resultado que “PP e Rueda subscribirían”.

Sinalou que os socialistas “vamos a ser o partido das 100 alcaldías”, con posibilidade de aumentar o número de gobernos de 2018 grazas ao acordo co BNG, e liderando os gobernos de Vigo, A Coruña ou Lugo, encabezando as deputacións da Coruña e de Lugo e con posibilidades de gobernar na de Ourense, “no aire” pola perda da maioría do PP.

Valentín González Formoso apuntou que “temos a obriga” de presidir esta última Deputación provincial para “abrir Ourense ao futuro” logo de décadas “patrimonializada polos Baltar” e “á marxe dos avances democráticos do país”.