O BNG non facilitará o goberno á dereita, pero non dará “cheque en branco” ao PSOE

Carme da Silva e Néstor Rego na sede do partido en Santiago

Carme da Silva e Néstor Rego na sede do partido en Santiago / E.P.

O BNG asegurou onte que o seu voto no Congreso non servirá “en ningún caso para facilitar un Goberno á dereita e á ultradereita”, pero que tampouco se tratará dun “cheque en branco” para o PSOE de Pedro Sánchez, a quen lle esixiu “compromisos verificables” coa comunidade. O deputado electo do Bloque, Néstor Rego, insistiu nunha rolda de prensa na sede do partido na capital galega en que a organización tamén buscará como evitar que o PP “teña o control na Mesa do Congreso”.

Rego, que é o único representante do BNG na Cámara Baixa, fixo fincapé en que o seu voto debe servir para que “os intereses do noso país teñan que ser asumidos como compromisos”, así como para "pór os intereses de Galicia en primeiro plano”.

"Debemos camiñar cara a un novo status político para o noso país, que blinde as competencias e nos dea capacidade real para decidir”, subliñou o deputado electo pola provincia de A Coruña. Entre as esixencias do BNG están “fortalecer o autogoberno” coa “asunción de todas as competencias pendentes”, algo para o que, lembrou Rego, “non chega coa vontade do Goberno do Estado”, se non que debe existir “un interese por parte da Xunta” para reclamalas.

Deste xeito, Rego volveu a referirse aos resultados das últimas eleccións xerais que, nas súas palabras, mostran un "contexto bastante complexo", pero no que "emerxe con forza a relevancia do papel das nacións que compoñen o Estado español" e das forzas nacionalistas. Por esta razón, reclamou "maior presenza" e un "recoñecemento non só formal, se non real, do carácter plurinacional do Estado".

Neste sentido, a xa designada como senadora autonómica polo BNG, Carme da Silva, remarcou que se está "a traballar na elaboración dun documento de cara á negociación da investidura", dentro do que, avanzou, pediranse "compromisos con prazos verificables". Así as cousas, a que foi candidata ao Congreso por Pontevedra, sinalou que entre outras cuestións deberase “compensar o déficit histórico en investimentos", especialmente no ámbito das infraestruturas. Tamén remarcou a necesidade de dar un impulso ás políticas sociais en campos como a igualdade ou o financiamento da Lei de Dependencia. Tamén reclaman "accións efectivas contra a crise industrial" e políticas ambientais que eviten que a comunidade sexa "permanentemente utilizada para detraer recursos".