Veolia e a Universidade de Vigo crean a Cátedra CONVIVE para impulsar a contratación pública estratéxica e sostible

Este acordo de colaboración está destinado a impulsar actividades de investigación, formación, divulgación e transferencia de coñecemento no ámbito da contratación pública, responsable e innovadora de Galicia

Manuel J. Reigosa, cuarto pola esquerda, con Nicolás Esmorín Cendón, á súa dereita, durante a reunión na que asinaron o convenio de colaboración. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vigo

Veolia e a Universidade de Vigo veñen de asinar un convenio de colaboración para a creación da Cátedra Veolia de Contratación Pública Estratéxica e Sostibilidade (CONVIVE), unha iniciativa destinada a promover actividades de investigación, formación, divulgación e transferencia de coñecemento no ámbito da contratación pública responsable e innovadora, aliñada coa Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

O acordo foi asinado por Nicolás Esmorís Cendón, director executivo de Veolia Auga Galicia, e por Manuel J. Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo, nun acto institucional que consolida a aposta conxunta por fortalecer a colaboración entre o ámbito académico e o tecido empresarial.

Reigosa e Esmorís asinando o convenio de colaboración para a creación da cátedra. / Cedida

A través desta cátedra, ambas entidades impulsarán un marco estable de cooperación para abordar os retos actuais vinculados á sostibilidade ambiental, a transformación dos servizos públicos e a modernización da contratación pública como ferramenta clave para fomentar innovación, eficiencia e transparencia.

A Cátedra CONVIVE centrará o seu traballo, entre outros aspectos, na análise e promoción da compra pública estratéxica aplicada á xestión integral da auga, dos residuos e da enerxía, desde unha perspectiva multidisciplinar que integre coñecementos xurídicos, técnicos e sociais.

Liñas de actuación

Entre os seus obxectivos destacan tamén o impulso de accións de formación e profesionalización, a promoción da investigación avanzada, a organización de xornadas e seminarios, a publicación de estudos e a creación de espazos de divulgación como un podcast mensual. Ademais, prevese o desenvolvemento dunha unidade de incubación e aceleración de proxectos LegalTech, orientada á mellora xurídica e tecnolóxica dos procedementos de contratación pública.

O director executivo de Veolia Auga Galicia, Nicolás Esmorís Cendón, destacou que «a contratación pública é unha ferramenta estratéxica decisiva para avanzar cara modelos máis sostibles, eficientes e innovadores, e esta cátedra permitirá conectar o coñecemento universitario coa experiencia empresarial para achegar solucións reais aos retos actuais». Esmorís subliñou tamén que «CONVIVE nace coa vontade de impulsar investigación e formación especializada, e de contribuír a unha contratación pública máis responsable, aliñada coa Axenda 2030 e cos ODS».

A iniciativa permitirá, así mesmo, fomentar a participación do estudantado en actividades prácticas e visitas técnicas, reforzando a empregabilidade e favorecendo a conexión directa co mundo profesional e coas necesidades reais do territorio.

Con esta alianza, Veolia Auga Galicia e a Universidade de Vigo reafirman o seu compromiso coa innovación, a sustentabilidade e a creación de valor compartido, consolidando unha colaboración que busca contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia.

Noticias de Portada Leer Noticias cerca de ti CercaJuegos Jugar