Mesa redonda no Ateneo sobre Chichi Campos polo Día da Ilustración

O Ateneo de Santiago celebra, na Rúa do Vilar 19, unha mesa redonda para conmemorar o Día da Ilustración, titulada Celebrando a Chichi Campos polo Día da Ilustración, na que participarán Nico Campos, fillo de Chichi Campos e director do documental Chichi e mais eu; Xosé Díaz, deseñador gráfico; e Antón Mascato, editor. O Día da Ilustración vén celebrándose dende 2014 para conmemorar o aniversario do nacemento de Castelao.

Presentan o libro Fanzines en Galiza

O xornalista Ramón Mariño Fernández estará en Numax hoxe ás 20:00 horas para presentar o libro Fanzines en Galiza. Unha breve e intensa historia da autoedición galega. Trátase dun ensaio editado no 2023 por Laiovento no que se repasa e analiza a historia deste tipo de publicacións en Galicia. O autor estará acompañado polo tamén xornalista e estudoso da cultura underground, Iván Cuevas. A entrada é libre ata completar aforo.

Últimos días da mostra sobre as mulleres do SEG

Visitantes da exposición sobre as mulleres do Seminario de Estudos Galegos R. CIBES

A Biblioteca de Galicia rende unha especial homenaxe ás mulleres coa mostra bibliográfica As mulleres do Seminario de Estudos Galegos, composta polas publicacións existentes salvagardadas na propia Biblioteca relativa ás mulleres que tiveron algún tipo de relación co seminario, ben como socias activas, ben como protectoras ou usuarias da súa biblioteca. Ademais de conformar unha elite intelectual con grandes inquedanzas sobre Galicia, coma o resto de compoñentes do seminario, estas mulleres entraron en espazos reservados ata o momento só a homes, polo que abriron camiños novos a posteriores xeracións de mulleres. A mostra arrancou en outubro, coincidindo co centenario da institución, e estará aberta ata o mércores 31 de 9 a 21 horas.

Mostra no Tambre sobre a paisaxe dos Ancares

A pintora Silvia G. Armesto

A pintora Silvia G. Armesto Cedida

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) acolle desde hoxe a exposición de pintura Paisaxes e figuras da artista Silvia G. Armesto. A mostra poderase visitar no Centro Empresarial do Tambre e estará aberta ao público ata o 23 de febreiro, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Recoméndase avisar previamente da visita no teléfono 981 55 28 50. O acto de inauguración terá lugar o luns, 5 de febreiro, ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre.