‘Fillas de Galicia: mulleres na emigración’ na Cidade da Cultura

Coa excusa da celebración do Día Internacional da Muller o pasado 8 de marzo inaugurouse a mostra ‘Fillas de Galicia: mulleres na emigración’, unha exposición documental que pode visitarse hoxe ata ás 21 horas no vestíbulo da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Con ela quérese poñer de manifesto a desigual participación que homes e mulleres tiveron nas asociacións de emigrantes en tempos e espazos diferentes.

'A muller que son', na Igrexa da Universidade

A Igrexa da Universidade de Santiago (USC) acolle estes días a mostra ‘A muller que son’. Unha exposición que dá a coñecer o traballo de seis arquitectas romanesas: Virginia Andreescu, Henrietta Delavrancea, Iona Grigorescu, Silvia Demeter-Lowe, Eliza Yokina e Ilinca Paun. Xunto a elas, a raíña María de Romanía que, pese a non ser arquitecta “sentou as bases” sociais para que estas mulleres puideran realizar o seu labor.

A mostra, que hoxe ten horario de 11 a 14 horas e de 17 a 19 h está comisariada pola arquitecta Ileana Tureanu e organizada entre a USC, o Instituto Cultural de Romanía en Madrid, a Unión de Arquitectos de Romanía e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), e conta tamén co apoio do Consulado de Romanía en Bilbao.

Imaxe da mostra ‘A muller que son’, arquitectura na Igrexa da Universidade Cedida

Charla sobre o ensino nos luns do Ateneo

O profesor e reitor honorario da Universidade de Lisboa, António Nóvoa, é ás 19.30 h. de hoxe o protagonista do Luns do Anteneo (rúa do Vilar, 19). ‘Professores: libertar o futuro’ é o título da charla que vai impartir dentro da terceira edición de Cineduca (Mostra internacional de cine e educación). Nóvoa tratará de establecer a conexión entre a historia da educación e as futuras direccións que esta pode tomar. Da súa proposta derivarase un debate co auditorio sobre o futuro do ensino.

Nóvoa, reitor honorario da Universidade de Lisboa Cedida

Encontro da RFG co público

A Real Filharmonía de Galicia convoca hoxe ás 19 horas (na sala Mozart do Auditorio) a abonados e público xeral a un encontro para intercambiar ideas sobre os vindeiros pasos da orquestra. O obxectivo da reunión, con entrada libre, é fomentar a escoita activa para tender pontes coa audiencia e coñecer o seu parecer en relación coas actividades da RFG. Participan Baldur Brönnimann, director artístico da RFG, e Sabela García Fonte, directora técnica. ECG