Hoxe pódese visitar a última mostra da Galería Dupla (rúa Fonte de Santo Antonio, 9), Cola, papel, tesoiras, inaugurada o pasado venres con colaxes obra dos artistas Alba Casanova e Iván Prieto. Unha técnica, a da colaxe, cuxa orixe se disputa entre o malagueño Pablo Picasso e o francés Georges Braque, pois en 1912 ambos empezaron a incluír papeis de tapizar, teas e outros elementos extrapictóricos nas súas obras. A partir de entón, a colaxe foi cultivada por diversos movementos artísticos coma o cubismo, o futurismo, o dadaísmo, o surrealismo ou o construtivismo.

Iván Prieto trae á galería a técnica da colaxe no seu formato máis tradicional, valéndose de papeis de diferentes texturas, recortes ou billetes de tren cos que crea un “universo expresionista e cheo de símbolos”. A artista Alba Casanova cultiva a animación, o motiondesign e a colaxe dixital “cunha imaxinería de corte surrealista que evoca á foto colaxe victoriana”. Pódese visitar de 11 a 14h. e de 17 a 20h.

Arquitectura romanesa e galega no Paraninfo de Historia

O Paraninfo da USC, na Facultade de Historia, acolle ás 19h. ‘Diálogos sobre arquitectura’, entre Romanía e Galicia. Un envento enmarcado na clausura da mostra A muller que son. 7 arquitectas rumanas e as súas obras. A entrada é de balde.

Elizabeth Abalo e o seu socio no estudio Abalo-Alonso CONCELLO

Nos diálogos falarán Ileana Tureanu, presidente da Unión de Arquitectos de Romanía, Catalin D. Constantin, catedrático da Universidade de Bucarest e Elizabeth Abalo, do Estudio Abalo-Alonso, e Óscar Andrés Quintela do estudio Arrokabe.

‘Cita a cegas’ co cinema na Numax

As persoas máis cinéfilas e ‘atrevidas’ teñen este serán unha oportunidade moi especial na sala Numax (rúa Concepción Arenal, 9). Ás 19.30 horas dará inicio a sesión ‘Cita a cegas’, un encontro co cinema no que as persoas asistentes non van saber que é o que se proxecta até que dea comezo a película. Por tratarse dunha programación especial tamén o prezo da entrada o vai ser, son 4 euros, 3 e medio para as persoas aboadas á Numax. Proxéctase en versión orixinal subtitulada.

Debate sobre o Santiago industrial no Ateneo

Ás 19.30 horas o Ateneo de Santiago (rúa do Vilar, 19) celebra unha xornada máis do seu ciclo ‘Luns do Ateneo’. Nesta ocasión abordarase a situación industrial da cidade neste momento.

Antón Baamonde, un dos autores de ‘Galicia, distrito industrial’ CEDIDA

A mesa redonda «Santiago industrial» vai contar coa participación de José Carballo, presidente da Fundación Arume e ex-CEO de Finsa; Xoan Carmona, catedrático emérito de Historia da Economía da Universidade de Santiago (USC); Natalia Nogueira, responsable de I+D+i de Inova Labs; e os autores da obra Galicia, distrito industrial, o ensaísta Antón Baamonde e o CEO do Grupo Rodiñas, Daniel Hermosilla.

O debate versará arredor da diversidade e da calidade das empresas asentadas en Compostela, subliñando a súa capacidade para competir globalmente e capitalizar o talento local.