Premio ‘Arquitectura para un mundo mellor’ para o CEO do Grupo Rodiñas

O galardón, que xa vai pola segunda entrega, outórgao a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia

Acto de entrega do II Premio Arquitectura para un Mundo Mellor a Daniel Hermosilla, CEO do Grupo Rodiñas

Acto de entrega do II Premio Arquitectura para un Mundo Mellor a Daniel Hermosilla, CEO do Grupo Rodiñas / Cedida

O Hotel NH Collection de Santiago foi o escenario no serán de onte (20.30 horas) da entrega do II Premio ‘Arquitectura por un mellor’, que outorga a Delegación de Santiago do COAG (Colexio de Oficial de Arquitectos de Galicia). Un galardón que recaeu no CEO do Grupo Rodiñas, Daniel Hermosilla, para valorar as achegas de non arquitectos á arquitectura e ao urbanismo. O evento enmarcouse dentro da Semana da Arquitectura, que o pasado luns 2 de outubro celebrou o seu Día Mundial.

Rodiñas está especializada na fabricación e montaxe en obra de elementos prefabricados de formigón e ten as súas sedes en Teo e Curtis. Na entrega do premio estivo presente o presidente da delegación do COAG, Ángel Gil, que fixo entrega do galardón, e mais o vogal do Colexio e responsable da Comisión de Cultura, Luis Gil Pita, que foi o encargado de facer a laudatio nun acto que contou coa asistencia da xunta directiva da delegación, ademais dun cento de compañeiros arquitectos. En representación do Concello de Santiago asistiu o edil de Urbanismo, Iago Lestegás, que lle trasladou os parabéns e o recoñecemento do Concello a Daniel Hermosilla, e animou o colectivo profesional dos arquitectos a seguir traballando cos parámetros da sustentabilidade e calidade urbana “para conseguir que a capital galega sexa un referente internacional nesta materia”.

Gil Pita sinalou na súa laudatio a Daniel Hermosilla que “representa os mellores e máis transversais afáns de coser cultura, técnica e sociedade en calquera escala dentro do noroeste peninsular, ademais de ser coñecido por ser unha persoa de grande altura intelectual e destacable polos seus valores persoais e humanos”, afirmou.

O vogal do Colexio describiu ao homenaxeado como un profesional do sector industrial galego, “capaz de integrar conceptos do mundo artesá dentro das máis altas exixencias do sector da construción prefabricada actual” combinando as capacidades manuais, “das profesións vernáculas”, coas necesidades e investigacións contemporáneas. Tamén se loou o enfoque macroeconómico de Hermosilla, que fan del “unha referencia imprescindible no diverso mundo empresarial co que se relaciona e ao que serve, demostrando unha profunda preocupación social e cultural, que para el representa o alicerce da actividade económica”. O vogal tamén destacou que Hermosilla resolve as preocupacións habituais dunha empresa como é o Grupo Rodiñas, “con máis de 200 traballadores directos e outros 100 indirectos nunha compañía que se ten convertido en referencia do bo facer”.

O galardoado, agradeceu este recoñecemento e afirmou que Galicia conta cunha “masa crítica de arquitectos de calidade” como non se tivera antes e un “ecosistema extraordinario de industrias”. “Para crear a capacidade técnica e industrial que permita abordar grandes proxectos e contribuír a riqueza do país, temos que traballar en conxunto”, sentenzou .

Ángel Cid encargouse de pechar o acto e destacou a idea de que a arquitectura transforma a vida das persoas, tanto nas cidades como no territorio. “Os arquitectos temos un labor esencial porque construímos o escenario do futuro. De aí que, entre as nosas obrigas, figure o feito de transmitir e explicarlle á sociedade esta relevancia, algo que debemos facer a partir da forza do noso colectivo profesional”.