Tras o éxito do formato noutras canles autonómicas como a andaluza ou a canaria, a TVG estrea este domingo, ás 22.30, 'Xente marabillosa'; un programa que vai na procura da reacción dos galegos e galegas ante situacións de discriminación a través de cámaras ocultas.

Na súa primeira emisión, ‘Xente Marabillosa’ reivindicará o uso e fomento da lingua galega e loitará contra tópicos e prexuízos. Para iso presenta unha cámara oculta na que visibilizará esta temática cunha encargada de Márketing dunha tenda que discrimina á súa dependenta por atender as clientas en galego. Haberá xente marabillosa en Galicia que salte para defendela?

Lucía Rodríguez presenta o programa e estará acompañada pola figura dun padriño ou madriña, que defende o tema que se aborda. A primera será a comunicadora Esther Estévez, do ‘Dígocho Eu’.

'Público virtual'

Dende o inicio, Esther e Lucía estarán acompañadas en plató do ‘Público virtual’, un mosaico de persoas conectadas ao programa dende as súas casas. Neste primeiro haberá galegos e galegas de diferentes partes do mundo: Arxentina, Uruguay, Suiza, Alemaña, Madrid… Tamén estarán conectados personaxes do Entroido galego como o Boteiro de Viana ou o Cigarrón de Verín e, por suposto, xente querida por Esther Estévez que buscarán sorprendela como o Digochiño ou as Tanxugueiras, entre outros.

As cámaras ocultas recrean unha situación de discriminación baseadas nun testemuño real previo. O programa contará con dúas persoas marabillosas: unha anónima e outra VIP, que será a actriz galega María Mera. Na cámara oculta, ambas reaccionan e saltan na defensa da persoa que sofre unha discriminación nese momento.

Por non mirar para o outro lado e alzar a voz, no plató serán premiadas pola súa actitude, recibindo o trofeo de ‘Xente Marabillosa’ e unha sorpresa única que lles cambiará a vida.

Neste programa de defensa do galego non pode faltar a música, da man da cantante Sheila Patricia, que mestura canto tradicional con electrónica no seu tema ‘A Moura’.