{ opinión }

Desafíos para as nosas cidades

Santiago Lago Peñas

As sete cidades galegas afrontan retos semellantes no que queda de década. Aposta pola mobilidade branda e os servizos de transporte colectivo e descarbonización son palabras chave que todos temos á cabeza. Tamén que o avellentamento da poboación exixe adaptación de espazos públicos, servizos e ofertas de lecer; o cambio climático pide máis zonas verdes e árbores, esponxar as cidades, e xestionar de xeito máis eficiente os recursos hídricos; e que a transición ecolóxica reclama a aposta pola economía circular e a xestión dos residuos.

Certo que non é o mesmo as carencias de espazos verdes en Vigo e Compostela; os retos de mobilidade branda en Ourense e Pontevedra; ou as necesidades de garantir zonas de sombra na Coruña ou en Ourense. Por iso, é necesario que cada cidade defina a súa estratexia adaptada ás súas especificidades, ao abeiro da chamada Axenda Urbana Española 2030.

Porén, a realidade é que non todas as cidades están facendo estes deberes do mesmo xeito. Idealmente, deberan ter feito xa unha discusión ampla e colectiva, máis aló das fronteiras dos partidos, que permitise consensuar análises e propostas. Isto debera ser compatible coa lexítima e necesaria diferenciación de programas e ofertas electorais. Porque se ben non ten sentido pedir que todas as forzas políticas ou os colectivos e organizacións de eido local teñan as mesmas prioridades e compartan programas, debera ser posible sentar e falar estratexicamente da cidade, como se ten feito en Compostela ao longo de 2022, por exemplo.

Porque no debate franco e construtivo entre todas as persoas que habitan unha cidade e que teñen formacións e perfís complementarios é de onde saen as ideas boas, onde se filtran as meras ocorrencias, e onde se comparten experiencias alleas de éxito das que, por un ou outro motivo, alguén ten constancia. Se hai un espazo acaído para a deliberación e os esforzos cooperativos é o local, os pobos e cidades pequenas e medianas, como as que temos en Galicia.