{ cifras e letras }

A pregunta equivocada sobre o uso de ChatGPT na educación

Senén Barro Ameneiro

Senén Barro Ameneiro

ESTIVEN RECENTEMENTE na Universidad de La Laguna, en Tenerife, nunhas xornadas de innovación educativa. O tema era o uso da intelixencia artificial na educación, e nelas puiden comprobar o crecente interese pola IA neste ámbito.

ChatGPT acaparou boa parte das preguntas duran-te os conversatorios, nome que lle dan en Colombia e Perú ás mesas redondas. Conversatorios que acertadamente se situaron nos dous días que durou este encontro. É máis, foron realmente sesións de debate e non sucesións de monólogos, como cada vez é máis común cando asistimos a mesas redondas, polo menos no noso país.

ChatGPT é o máis sorprendente que vimos en anos. Impresiónanos mesmo a quen nos dedicamos a concibir e deseñar intelixencias artificiais. Sen dúbida vai impactar con forza, e no curto prazo mesmo, no traballo, a educación, a saúde e ata no lecer. É máis, xa o está facendo, e non estamos máis que ao comezo. Nunca antes ningún servizo ou aplicación alcanzara os 100 millóns de usuarios nun par de meses. De feito, TikTok, a rede social de crecemento máis rápido da historia, necesitou 9 meses para iso, algo que dabamos por dificilmente superable.

Nas preguntas e comentarios dos asistentes durante este evento, foi recorrente a preocupación polo uso fraudulento de ChatGPT polos estudantes. Non son meras sospeitas. Moitos estudantes están a usalo para elaborar parte dos seus traballos, facéndoo nun abrir e pechar de ollos e, en xeral, con mellores resultados que se os fixesen eles. Mesmo poden usala, e moitos xa o fan, segundo parece, para realizar os exames en liña. Este tema preocupa moito aos docentes e tamén á xente en xeral. De feito, varios xornalistas preguntáronme sobre como evitar que os estudantes usen ChatGPT para copiar (non é realmente copiar o que fan, pero entendémonos). Tamén están preocupados, e moito, os responsables das institucións e as políticas educativas. Tanto é así, que noutros países xa son un bo número as universidades e outros centros de educación que o prohibiron.

A miña opinión, con todo, é que nos facemos unha pregunta equivocada. A pregunta non debe ser como evitar que os nosos alumnos nos enganen usando estas ferramentas tecnolóxicas, senón como debemos usalas, tanto os docentes como os discentes, para mellorar o obxectivo da educación, que non é outro que a aprendizaxe; aprender máis, aprender mellor, aprender máis rápido e priorizar aquilo que é máis importante entre o que é posible aprender. É máis, necesariamente teremos que ensinarlles aos nosos mozos como utilizar estas tecnoloxías intelixentes, xa que formarán parte da súa vida e do seu traballo.

Por suposto que tamén teremos que cambiar en moitos casos a forma na que avaliamos aos nosos estudantes. Pero tendo en conta que a avaliación debe ser unha parte máis, e moi importante, por certo, do proceso de ensino-aprendizaxe, non un mero sistema de cualificación nin de selección. De entrada, ocórrenseme moitas formas nas que tanto os meus alumnos como eu podemos aproveitar ChatGPT para aprender cousas novas, e non só sobre IA senón, e sobre todo, en relación ao que máis nos diferencia das máquinas. Unha desas cousas é que nós facemos as preguntas, aínda que as máquinas nos dean cada vez mellores respostas. Iso si, teñamos moito coidado con non equivocar as preguntas.