{ tribuna }

Un 1 de maio máis festivo que reivindicativo

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

O CONGRESO OBREIRO SOCIALISTA da Segunda Internacional celebrado en París no ano 1889 fixou a data do 1 de maio para render tributo aos Mártires de Chicago, condenados pola súa participación nunha folga que se iniciara o 1 de maio de 1886 e que se prolongou durante tres días, ate culminar coa Revolta de Haymarket. Tres persoas foron condenadas a varios anos de cárcere e cinco foron executadas. A súa reivindicación non foi en van e conseguiron que se implantase a xornada laboral de oito horas, da que hoxe gozamos e que España implantou de xeito pioneiro en Europa, aínda que despois fora interrompida polas ditaduras de Primo de Rivera e a de Franco. As reivindicacións retomáronse no 1977 e a festividade nacional chegou un ano despois.

O Día do Traballo celébrase en case todos os países do mundo, converténdose nos últimos anos nunha xornada mais festiva que reivindicativa, o que se aprecia tamén no número de manifestantes que acoden cada ano a reivindicar os dereitos laborais. En Madrid os sindicatos maioritarios contabilizaron 60.000 persoas nunha manifestación que a Delegación do Goberno cifrou en 10.000 asistentes. Baixo o lema Subir salarios, baixar prezos e repartir beneficios, os convocantes reclamaron ao unísono en 70 cidades combater a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras.

A inflación ocupa os primeiros postos entre a preocupación da cidadanía, e non é para menos. O último informe sobre a evolución dos salarios da OCDE –Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico– confirma a caída do poder adquisitivo en España durante o ano 2022. En promedio, os salarios reais caeron un 5,3%, por diante do resto dos países da Unión Europea, excepto Países Baixos, Grecia ou as repúblicas bálticas, e significa a mingua mais notable no poder de compra dende a crise do 2008.

A gravidade desta constatación reside nunha posible consolidación deste desfase entre salarios e inflación durante o ano corrente e que se cronifique así a estrutura de desigualdades que o INE ven de ratificar na taxa AROPE que, malia a que cae en case dous puntos con respecto ao ano anterior, sitúa a porcentaxe de poboación en risco de pobreza ou exclusión social no 26%.

Nin a reforma laboral nin a actualización do Salario Mínimo Interprofesional foron suficientes para reverter a caída do poder adquisitivo dos salarios que, a falta do ansiado pacto de rendas, urxe ao Goberno a activar todos os recursos que teña dispoñibles para conseguir –co resto de actores sociais– unha mellora salarial e evitar que se consolide a figura do traballador pobre ou mesmo a desaparición da clase media.