{ tribuna }

A USC á altura do Cumio Académico UE-CELAC

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

HAI APENAS UNS DÍAS celebrouse en Santiago de Compostela o II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC, que congregou na Cidade da Cultura a participantes procedentes de 25 universidades latinoamericanas, caribeñas e europeas, así coma tamén autoridades institucionais e políticas de ámbalas rexións. A Universidade de Santiago, que exerceu de anfitrioa, asumira o compromiso en El Salvador no ano 2017, co fin de debater e reflexionar sobre as posibilidades de avance na integración birrexional, así coma no fortalecemento das institucións científicas de educación no espazo euro-latinoamericano e caribeño.

O desafío é colosal dada a heteroxeneidade de sistemas educativos e o tímido avance na creación dun Espazo de Educación Superior en América do Sur, un elemento estratéxico que permitiría avanzar na cohesión e inclusión social da comunidade iberoamericana e tamén de cara á consecución da integración posterior co espazo europeo.

En Santiago púxose unha primeira pedra. O Ministerio de Universidades realizou un encontro informal trala clausura do Cumino, no que asumiu a declaración que viñan de ratificar os países asinantes e adquiriu o compromiso de elevala á xuntanza que terá lugar en Bruxelas os vindeiros días 18 e 19 de xuño, así como avanzar na construción dun Espazo Común de Educación Superior.

Alén dos aspectos formais, que foron impecables, cómpre subliñar a importancia da cita para a Universidade e a cidade de Santiago, pero tamén para Galicia e España. Hai tempo que se ten advertido que Galicia é chave na construción dunha maior vocación latinoamericana de Europa, á que o Estado español tería que acompañar cunha marca-país renovada.

A política –tamén a universitaria– debe alzar a mirada, poñer as luces longas e recuperar o papel que lle corresponde. América latina ten perdido dinamismo económico e evidencia desafíos estruturais que se crían superados. A convulsión, a volatilidade, a inestabilidade e a crispación son a tónica dominante. O rexionalismo tense imposto á integración debido, en parte, ao influxo de modelos antagónicos ao occidental. A democracia está en declive e a Universidade ten a obriga de traballar para consolidala. Reclámase o papel democratizador do acceso aos estudos superiores, aos resultados da investigación, á incorporación das novas tecnoloxías e, en definitiva, á socialización do saber universal.

Ogallá que o éxito da organización non quede só niso e, mais cedo que tarde, comecen a verse os froitos dos 21 puntos pactados na Declaración asinada en Compostela o venres 5 de maio.