{ Olladas ao País }

D. Paco. Patriota e executivo

Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego / FDV

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

A CELEBRACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS deste 2023 pon o foco dunha das personalidades máis atractivas e senlleiras do século XX galego. Pon o foco en D. Paco Fernández del Riego (1913-2010).

D. Paco representa politicamente aquela xeración dos máis novos do Partido Galeguista fundado en decembro de 1931 que pensan, canda os seus irmáns máis novos da Federación das Mocidades Galeguistas, un País libre, democrático e moderno. Dez anos máis novo ca Alexandre Bóveda lideraba por dereito propio a terceira xeración do galeguismo político que fixo posíbel a enxurrada de voto popular galego que aprobou o noso Estatuto de 1936 e anunciaba un futuro galeguista na nosa Universidade e Administración Pública. Mais chegou a represión franquista e D. Paco houbo apandar no exército fascista e malvivindo no tristeiro Vigo da postguerra.

Entón xurdiu a resiliencia do home intelixente e proactivo. E moi axiña soubo estruturar a resposta do País ferido e vencido. No 1943 estrutura o rexurdimento do Partido Galeguista diante da xanela de oportunidade que ía dar a vindeira derrota da Alemania hitleriana. No 1950, afastada a liberación comprometida polos aliados, decide canda a Resistencia galega do interior construir a Editorial Galaxia, da que foi o primeiro secretario do Consello de Administración, porque era consciente que a cultura fai o País.

Poucos anos despois demostrou a súa cualidade de grande xestor e mellor executivo na Editorial, como antes o fixera na revista Industrias Pesqueras e tal faría moitos anos despois na Academia Galega (RAG), onde entrou no 1960 e conseguiu no 1963, por unanimidade, que se aprobara a súa proposta de creación do Día das Letras Galegas, de primeiras rexeitada por Ramón Piñeiro. Unha proposta que mobilizou como poucas un ensino galego orientado até entón ao 23-A como Día do Libro. Del Riego presidiría a RAG entre 1997 e 2003 e foi quen de abrir as xanelas que a época de García-Sabell aínda mantivo pechadas. Malia a súa avanzada idade, porén, foi quen de propor Carvalho Calero para o Día das Letras Galegas, aínda que non chegara vivir para velo.

Fernández del Riego era un patriota que acreditaba que Galicia era unha Nación que requiría do recoñecemento do dereito a decidirmos o futuro. No 1963 fundou, como nacionalista e socialdemócrata, o PSG, do que foi o seu primeiro secretario xeral, coincidindo no tempo co Bad Godesberg renovador do SPD alemán. Aquel SPD que botou o PSG e outros partidos ibéricos ao pé dos cabalos para empoleirar o PSOE.

Espírito de país e equipa, intelixencia orientada á resolución dos problemas, coñecemento enciclopédico e cultura humanista. Patriotismo nacionalista e europeo. Velaí os sinais de identidade de D. Paco.