{ tribuna }

O paradoxo municipal

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

A CAMPAÑA ELECTORAL DO 28-M estivo marcada polo predominio da política nacional e as chamadas circunstancias sobrevidas que adiaron e, mesmo agocharon, os temas transcendentais e propios das eleccións locais –e autonómicas alí onde se celebraron–. Unha vez que a cidadanía falou, en medio da euforia dunhas persoas e o desolo doutras, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez –nun movemento tan audaz como arriscado– asumiu en primeira persoa os malos resultados obtidos polo Partido Socialista e a súa derrota no plebiscito nacional que aceptara, e adiantou a convocatoria electoral para o 23 de xullo.

Unha mágoa que se desperdiciase a oportunidade de debater en campaña as cuestións relativas á xestión local no canto de asistirmos a debates que pouco afectan á vida cotiá das persoas. Nada se dixo e menos se fixo durante a última lexislatura sobre unha cuestión que merece, canto menos, ser coñecida. Dende a aprobación da Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria e Sustenibilidade Financeira (LOEPSF), no ano 2012, os superávits intocables dos concellos son moeda corrente. O uso destes recursos estaba destinado, nun primeiro lugar, a reducir a débeda e situar o déficit no obxectivo perseguido, mais, conseguido isto, os excedentes pasaron a converterse en remanentes de tesourería.

Ter cartos e non poder usalos é o paradoxo ao que se enfrontan boa parte dos concellos que se van a constituír o día 17 de xuño, unha espiral na que están atrapados e sen visos de solucionarse. Os últimos datos do Banco de España indican que as corporacións locais tiñan ao peche do ano 2022 mais de 37.300 millóns de euros en efectivo e depósitos, 9.000 millóns mais que antes da covid-19. Nin a pandemia, nin a guerra en Ucraína e o consecuente incremento dos prezos, conseguiron mudar a estrita normativa en vigor. Os concellos non poden facer uso dos remanentes de xeito libre, co que acumulan unha morea de millóns de euros que están parados, cando moitas necesidades agardan á espera de seren atendidas.

Na última década só houbo dúas flexibilizacións no seu uso, unha no 2014 e outra durante a pandemia –non sen unha importante tirapuxa entre os representantes locais e o Ministerio de Facenda–. Mais acabouse a excepción e tamén a lexislatura, co que os entes locais seguirán acumulando remanentes de difícil execución. Cómpre que o novo Goberno tome en serio a reforma da administración local, tanto no reparto das competencias coma do financiamento, a actual situación carece de racionalidade.